Facebook Twitter Google +1     Admin

SOLPOR: MEMORIA E MAR DE ÁLVAREZ BLÁZQUEZ

Na Fotobiografía de Xosé Manuel Álvarez Blázquez (Xerais, 2008), tan emocionante, o escritor e fillo do gran polígrafo Alfonso Álvarez Cáccamo narra a visita que recibiron os seus pais, Xosé María e María Luisa, do poeta Xoán Vidal, un vello amigo. Foi o 29 de agosto de 1982, en Coruxo. Despois da despedida de Vidal, “Xosé María e María Luisa baixaron á orela do mar e pasearon coas mans collidas. Xa na casa, escribiu un dos máis hermosos poemas da nosa lírica, no que Xosé María Álvarez Blázquez fala do paso do tempo con serena señardade, máis tamén é un canto ao sentimento intemporal ao amor verdadeiro”.

 

SOLPOR

 

A Xoán Vidal, en lembranza da súa visitas

Ao meu lar de Coruxo

 

Xa non é tempo de falar das rosas,

soños, amores, vida que pasou.

Agora chegan voces vagarosas

i eu, nun besbello, lles respondo: Vou…

 

Nin verso acedo nin amarga queixa.

De qué nos han valere, miña amiga!

Imos desengrellando esta madeixa

con lástima de nós e con fadiga.

 

Os fillos… Xa alá agarda a nosa prenda

-luz dos días abertos e louridos-

Os fillos! Santo e seña da contenda,

eles dediante e nós atrás, feridos.

 

Pousaremos os pés na branca area

mentres o día no solpor devala.

Nin ti ouces xa a o balbordo da marea

nin teño eu ansias de prender a fala.

 

Silandeiros os dous, de mans collidas,

imos devagariño pola praia,

de par en par os pasos, como as vidas…

A luz do sol, sobre do mar, esmaia.

 

Coruxo, 29 de agosto de 1982

*A fotografía titúlase "Tres belezas" e está firmada por Edward Quinn.

Comentarios » Ir a formulario

No hay comentarios

Añadir un comentario



No será mostrado.



Blog creado con Blogia. Esta web utiliza cookies para adaptarse a tus preferencias y analítica web.
Blogia apoya a la Fundación Josep Carreras.

Contrato Coloriuris