Facebook Twitter Google +1     Admin

PATTI SMITH: UN POEMA EN GALEGO

20090202110343-leibovitz.-patti-smith-la-buena.jpg

O poeta e traductor Xoán Abeleira publica hoxe en La Opinión de A Coruña unha traducción ao galego dun poema de Patti Smith. Envíamo, e aquí está para todos vós. Di Abeleira:

 

Realizo esta versión libre dun poema homónimo de Patti Smith xusto a carón de Artium, o fabuloso museo de Vitoria/Gasteiz onde veño de fitar Written Portrait. Unha exposición que, de poderen, non deberían perderse, pois, alén de ser a primeira que se organiza na Península Ibérica, contén o muin (o celme ou a esencia, en éuscaro) desta indefinible multicreadora estadounidense: poesía, pintura, fotografía e, xaora, música. Para colmo, Laura Fernández Orgaz, a comisaria do evento, encargoulle ó poeta Benjamín Prado a tradución dunha boa mostra do seu labor lírico, a cal poderán mercar, en edición trilingüe, canda o magnífico catálogo distes rubís hindús.

 

UN LUME DE ORIXE DESCOÑECIDA

 

 

De Patti SMITH. Versión galega de Xoán ABELEIRA

 

Estás desgustada encabuxada
Desencantada de todo
De todo o que unha vez
Ámbolos dous cremos


Exacta
Mente
Coma min

Sen dúbida eu debería
Ter deixado de venerarte ter parado
De tentar mesmo de ser
Ti


Un lume de orixe descoñecida
Arrebatoume o meu amor
Un lume de orixe descoñecida
Levou lonxe o meu amor

Varreuno a feito fóra
Da miña lonxitude de onda
Devorouno coma o océano
Nun fogo denso e gris

A morte vén varrendo
Todo o corredor
Coma o vestido dunha dama
A morte vén fungando
Pola autoestrada abaixo
Co seu traxe de domingo

A morte vén conducindo
A morte vén reptando
A morte vén arreo
E eu non podo facer ren

A morte vai
E vén e secasí

Debería haber algo
Cando menos haber algo
Que ficase para sempre

A morte enfermoume e toleoume
Pois ise lume estraño
Levou lonxe o meu amor

Ben lonxe

Ela deixoume todo deixoume
Tódalas súas cousas

O seu vestido de noiva
Badaleando no armario

*Patti Smith retratada magistralmente por Annie Leibovitz.




 

Comentarios » Ir a formulario

No hay comentarios

Añadir un comentario



No será mostrado.

(opcional)



Blog creado con Blogia. Esta web utiliza cookies para adaptarse a tus preferencias y analítica web.
Blogia apoya a la Fundación Josep Carreras.

Contrato Coloriuris