Facebook Twitter Google +1     Admin

ABELEIRA: UN POEMA A ALBARRACÍN

20091226184733-loomisdeanparis1957-1.jpg

CUEVA DE LOS JUDÍOS

 

A montaña vai falar por boca do seu Rabí.

É a incontinencia da auga, a súa paixón verbalizada o que agudiza o desespero destas rochas. Durante séculos viron fluír e bulir, ensarillarse entre os seus pés iste fiado seminal que aínda hoxe as mortifica.

A montaña vai falar. Renxe o preludio do trebón.

Riba da aba, as cotovías, e os cirros, e os pedreiros apíñanse pra debelar o Inimigo. As nubes son unha cadea. Os amantes acubillan a súa nudez baixo a Torre. Os mortos congratúlanse en secreto. Treman os balcóns. Liscan os rabaños. Choutan, entolecidos, os cadelos.

Abaixo, na solaina agora gris, na concavidade áspera dos matos, reina o furor do vento. O río perdeu por un intre o seu poder. Bolboretas isabelinas, libélulas e abellóns baten no ar musitando rogativas de clemencia.

Mais nada as resgarda. Nada as defende. Nin sequera a alcazaba das flores. Nin os álamos que se pandean, xemendo de raíz, contra os petóns aguzados.

A montaña vai falar, xaora. A montaña vai racharse ó proferir o seu turbillón encerrado.

Mais o que ecoa, de súpeto, na Gorxa non é un brúo, nin o que chove a arroiar un alude de maldicións, senón unha resina celeste, abafante, a enzoufar os seres e o seren das cousas.

Despois, silencio en recendo. Ceo opalino. Irisacións e escumas ó redor. E a montaña alá enriba. Coma outrora, coma sempre, fosilizada nun xesto. Exposta á ollada dun home que acha nela a simetría da súa anguria.

 

(Poema en prosa, incluído no libro inédito Pan de Ánimas, que hoxe publica o suplemento cultural do ABC de Galicia. A Cova dos Xudeos -unha sorte de boca enorme, na que aniñan os morcegos e varias clases de aves- áchase na parte posterior de Albarracín, e ós seus pés bule o río Guadalaviar.)

 

*O poeta e traductor Xoán Abeleira envíame este texto, que pendurou no seu blog. Viviu hai anos en Albarracín durante algún meses e aquela estadía déixoulle unha pegada especial. O poeta prepara agora un novo libro tras a aparición en edición bilingüe de ‘Animais animais’ (Bartleby). Dase a casualidade que hoxe, no edición aragonesa de ‘Artes & Letras’ Hilario J. Rodríguez publica un artigo sobre a miña traxectoria. Esta mañá chamoume Pedro Rújula para dicirmo, e logo tamén o meu fillo Daniel. O artigo de Hilario é moi garimoso, a foto de Fabián Simón é moi bonita. (Xan engade no seu blog explicacións a este poema, pero parécenme excesivas para aquí. Calquera as pode ver no seu blog).

** A fotografía é de Loomis Dean. Está tomada en París en 1957.

Comentarios » Ir a formulario

No hay comentarios

Añadir un comentario



No será mostrado.

(opcional)



Blog creado con Blogia. Esta web utiliza cookies para adaptarse a tus preferencias y analítica web.
Blogia apoya a la Fundación Josep Carreras.

Contrato Coloriuris