Facebook Twitter Google +1     Admin

ABELEIRA PUBLICA 'PAN DE ÁNIMAS'

20120216104127-shaneperez-web-2-jpg.jpg

Onte chamoume o poeta e traductor Xoán Abeleira. Ven de publicar en Xerais o libro ‘Pan de ánimas’

[Leo a presentación en clave poética, claro, do volumen en Xerais:Pan de ánimas é unha ofrenda a todos os mortos: aos mortos que seguen vivos e aos vivos que existen mortos. Pan de ánimas é o son da moega que deita o sol da moenda. Pan de ánimas é a fariña do ollo que arela ver o seu ser. Pan de ánimas é o canto da roda que une o gran e a cinza. Pan de ánimas é un cántico á moa que ten a nada por centro. Pan de ánimas é estoutra maquía desa materia escura que chamamos poesía”.]

Xoán ten una columna en ‘La Opinión de A Coruña’: é un dos poucos columnistas que coñezo que publica aí os seus propios textos de criación, os seus poemas. Hai algún tempo daba este avance de ‘Pan de ánimas’. Xoán ven de publicar en Bartleby unha nova traducción de Apollinaire: ‘Zona’. Emocionoume especialmente o seu libro anterior: ‘As nosas sombras no xardín de Serralves’, un dos poemarios de amor máis sólidos –desgarrados, emotivos, de fíos secretos- da lírica galega dos últimos trinta anos. 

 

 

 

 

XOÁN ABELEIRA

 

I. Fitos, periferia
No canto do banal, a perspicacia ó ventimperio. No canto da exuberancia, o fondo abastecemento.

En min ábrese paso unha alegría disidente. Horror a tanto benestar conxénito. Horror a esa caterva de seres amestrados que devastan ó seu paso todo o que fecunda.

Soidade, morada do insubmiso: as túas paredes evitan o cortexo da mao ambigua e o seu frío. A quen non busca hospedaxe confías todas as portas.

Cheo de mascaradas, cheo de sucedáneos insípidos, brutais, tan só desexo sentir ises beizos lañados pola súa sede de Infinito.

Canteiro das miñas doelas, artífice do fulgor que mañá experimentará a bóveda! Saudando o cascallo, nivelando as arestas, emprendamos a tarefa do círculo.



II. El Berrueco

Durante toda a noitada o vento
Estivo a bourar istes tambores,
Durante toda a noitada o vento
A remexer iste osario.

Cánta quietude xena
Arestora nas fraguizas,
Cánta bonanza regada
Polas vetas das rochas.
O ceo é un inmenso can manso,
Unha branca vaca sagrada:
A súa lingua sanda as feridas
Diste espazo diluvial.

Recoñézome nos ídolos,
Recoñézome nistes Prometeos
Cegados polos voitres.
Séculos e séculos de renuncia
Moldearon a súa espera.

Por qué súpeto milagre
Chegaron a convivir
O verdor e maila dureza?
Cómo xurdiu esta tenrura
Flagrante que enfía os canchos?

Eiquí é imposible acubillármonos,
Aparentarmos que somos outros
Distintos ós que petrifica o espello.
Eiquí reina o ventimperio, eiquí
Unha simple lufada íspenos ata os ósos.

 

NOTA DE XOÁN ABELEIRA: Istes poemas pertencen a un libro, titulado ‘Pan de Ánimas’. “El Berrueco” é un “lugar de poder”, “xamánico”, que domina a vila de La Cabrera, na Serra Norte de Madrid, célebre polas formas oníricas, fantásticas que teñen os seus canchos. ‘Pan de Ánimas’ acaba de saír en Xerais. As fotos, de carácter urbano, son de Shane Pérez.

 

Comentarios » Ir a formulario

antoncastro

No hay comentarios

Añadir un comentario



No será mostrado.



Blog creado con Blogia. Esta web utiliza cookies para adaptarse a tus preferencias y analítica web.
Blogia apoya a la Fundación Josep Carreras.

Contrato Coloriuris