Blogia
Antón Castro

CONVERSA IMAXINARIA CON X. Mª. ÁLVAREZ BLÁZQUEZ

CONVERSA IMAXINARIA CON X. Mª. ÁLVAREZ BLÁZQUEZ

[Este ano adícase o Día das Letras Galegas o humanista integral Xosé María Álvarez Blázquez (1915-1985), escritor, editor, historiador, estudoso e pai de escritores, entre eles Pepe Cáccamo, tan coñecido en Aragón porque publicou en Olifante. Sempre fun un grande admirador do poeta, do editor, aprendín galego cos seus libros, e moitos deles merqueinos, xa cando vivía en Zaragoza, na ampla sección de galego da libraría Hesperia da praza de los Sitios. Atopo esta entrevista imaginaria na revista Vieiros (www.vieiros.com) y pendúroa aquí como testemuña da miña admiración e afeizón a este home bon e xeneroso. O libro del que mais lin foi o seu traballo sobre os poetas medievais: Escolma de poesía medieval (Castrelos, 1975). Ese foi case un catón cando eu xa tiña vinte anos, un libro segredo, un libro de compaña.]

 

 

CONVERSA CON XOSÉ MARÍA ÁLVAREZ BLÁZQUEZ

 

O Día das Letras Galegas deste ano 2008 recoñece o labor que Xosé María Álvarez Blázquez desenvolveu ao servizo de Galicia. O seu é un traballo que, moito máis alá da produción literaria persoal, atinxe estudos de investigación nos eidos da literatura medieval e dos Séculos Escuros, da poesía popular, da etnografía, da angueira como editor e recuperador do libro galego na posguerra... Foi ademais mestre, arqueólogo e xornalista. Un recoñecemento que se estende a esa xeración do 36 rota pola guerra e que tivo que ir dando pasos difíciles pola “longa noite de pedra”. Mantemos con el esta “entrevista exclusiva” grazas aos volumes de Carlos L. Bernárdez, Darío Xoán Cabana e Clodio González, editados por Galaxia, Xerais e Toxosoutos respectivamente.

 

 

UNHA FAMILIA DE ESCRITORES

 

Antes de nada unha curiosidade xenética, como se fai para ter tres fillos escritores?
Home, non creo que haxa un xene da literatura senón que o ambiente familiar inflúe nas persoas, como me influíu tamén a min.



Certo, porque vostede é un elo nunha cadea familiar dende o Rexurdimento ata hoxe.

O da miña familia é un caso curioso. O iniciador foi Emilio Álvarez Giménez contemporáneo de Rosalía. A saga continuou co seu fillo Xerardo Álvarez Limeses, que era meu tío; despois seguiu con meu irmán Emilio Álvarez Blázquez e eu mesmo; e por último –de momento- a cuarta xeración cos meus fillos Xosé María, Alfonso e Celso Álvarez Cáccamo.


Visto así, estaba predestinado .

Non sei, pero si que empecei a escribir pronto, porque aínda se conserva un poema, que leva por título “Queixas”, escrito aos 12 anos.

A INFANCIA TUDENSE


Vostede naceu en Tui nunha familia de maioría masculina...

Xaora! Nacín en Tui en 1915. Tal como deixou escrito meu irmán Emilio eramos seis rapaces á mesa e con noso pai sumabamos sete varóns, buligantes, faladores, atentos á vida. Nosa nai no medio, miúda, fermosísima, risoña, era coma un brinquedo, como un barquiño de papel ondeante sobre o balbordo das voces varonís.



E tamén tudense foi a súa infancia.

Claro porque alí estudei a primaria e o bacharelato, aínda que os veráns pasabámolos en Baión, unha aldea do Concello de Vilagarcía. E así foi ata que comecei os estudos de maxisterio en Pontevedra.


Iso foi durante a República.

Efectivamente e daquela comezaron as miñas inquedanzas literarias e tamén políticas porque ingresei na Federación de Mocidades Galeguistas. Tamén por aquela época coñecín a Alexandre Bóveda que xa era unha figura destacada do Partido Galeguista e que casou coa filla do meu tío Xerardo.

E sendo practicamente un adolescente publica o primeiro libro e fundou unha revista.



Abril foi o meu primeiro poemario, escrito en castelán. E con Xoán Vidal fundei a revista Cristal nun momento en que un vehículo coma este era moi necesario dada a precaria situación do mundo editorial galego naquel momento.

En Cristal tamén publicou poemas propios.

Si foron unha ducia de poemas que se moven entre o imaxinismo e o neopopularismo. Hai que ter en conta que daquela o imaxinismo de Amado Carballo, o neotrobadorismo xurdido do coñecemento dos Cancioneiros medievais e o creacionismo de Manuel Antonio dominaban as vangardas poéticas en Galicia.



Comezou o seu labor docente no ano 1935.

Si, primeiro estiven en prácticas en Tui e despois, xa en febreiro do 36 tomei posesión como mestre na escola de nenos da Guarda e logo outra vez Tui. Daquela tamén comecei a carreira de Filosofía e Letras, pero tiven que abandonala por causa da Guerra Civil.


Dese momento amargo é a súa primeira obra en galego, a colección de relatos Os ruíns.

Son cinco relato que impresos nun número da revista Nós que nunca foi distribuído porque asasinaron en Santiago o seu editor, Ánxel Casal. Foi queimado e destruído cos demais fondos da editorial e só se salvaron dous exemplares que estaban aínda sen encadernar.

A BRUTALIDADE DO FASCISMO



A represión fascista en Tui foi terrible e na súa familia bateu de forma brutal, non si?

Desgraciadamente así foi. O 17 de agosto do 36, despois dunha farsa de xuízo, asasinaron a meu curmán político Alexandre Bóveda. Meu tío Xosé Álvarez Limeses saíu da capela de despedir a Alexandre, e meteuse no leito. Non tiña enfermidade física ningunha. Tiña unha inmensa, abafante tristeza. Finou de alí a catro días, sen deixar de chorar.

E despois o cruel asasinato do seu pai.

Foi encarcerado polos fascistas en xullo e fusilado o 30 de outubro en Tui logo dun xuízo infame. Aínda que a pena foi reducida a 30 anos, certas mans asasinas perfectamente coñecidas en Tui pola súa asañada ferocidade reteñen a orde de que non sexa fusilado e cométese o crime.

Un crime que vostede recrearía nun soneto –“Padre mío”- que o poeta Xavier Rodríguez Baixeiras cualificou coma un dos poucos realmente plenos escritos nunca en Galicia.

Publicouse en Sonetos del alba insomne e amosa esa ferida que me acompañou toda a vida, coma a calquera que lle pasase, supoño.

 

Tamén vostede sufriu a represión en primeira persoa.

Por galeguista –“separatista”, consta no expediente argallado polos separadores- fun trasladado dende a miña escola en Coia a un triste lugar de Zamora. Antes suspendéranme de emprego e soldo.



E durante a guerra foi mobilizado á forza.

Si, e libreime da fronte de casualidade. Exercín como enfermeiro no Hospital Militar de San Caetano, en Santiago polo que aprendera axudando na consulta do meu pai, que fora médico. Ao acabar a Guerra Civil foi cando me mandaron para Coreses en Zamora, pero dous anos despois abandonei o maxisterio, no 1942. No ano anterior morrera meu irmán Celso por mor dunha tuberculose que colleu durante a guerra, na que tivo que ser soldado á forza no exército franquista. +



O TRASLADO A VIGO


De volta en Galicia, vostede e maila familia instálanse en Vigo.

Deixamos atrás o abafante aire que o fascismo creara en Tui e marchamos para Vigo. Cos meus irmáns abrimos unha fábrica de tellas en Nigrán que pechou no 45 e despois traballei como secretario da Confraría de Pescadores do Berbés.


E daquela casou con María Luísa Cáccamo Frieben, a súa dona.



Iso foi a finais do 46. Casamos e tivemos 6 fillos: María Luísa, Xosé María, Alfonso, María Elena, Celso e Berta.



No faladoiro do Derby tivo ocasión de coñecer a intelectuais e artistas do momento.

Realmente moitas das miñas amizades, coma Celso Emilio Ferreiro, Fernández del Riego, Cunqueiro e outros veñen deses tempos.

Tempos moi difíciles para a cultura galega.

Para a cultura e para todo. Isto era un deserto cultural e o libro galego tivo que sobrevivir no exilio americano onde Luís Seoane e moitos outros mantiveron acesa a chama da lingua e da cultura galega.



A historia da literatura galega di que vostede pertence a unha xeración, a do 36, que enmudeceu na posguerra.

Foi unha consecuencia nefasta máis do réxime opresivo no que tivemos que vivir. Eu iniciei un ciclo de novelas en castelán e unha delas, En el pueblo hay caras nuevas, foi finalista da primeira edición no premio Nadal, alá polo 1945.

NOS 50, A PRODUCIÓN POÉTICA EN GALEGO



O primeiro intento de recuperar a edición do libro galego foi a Colección Benito Soto.

Así foi. Entre os catorce títulos da colección figura Poemas de ti e de min, que publicamos meu irmán Emilio e máis eu no ano 1949 e que supón o inicio do meu traballo poético en galego durante a década dos 50.

 

Si porque xusto ao ano seguinte, en 1950, aparece Roseira do teu mencer.
Este libro está dedicado á nosa primeira filla, María Luísa e para evocar ese mundo familiar e íntimo elixín formas próximas a canción popular e tradicional.

Sendo vostede é un experto en literatura trobadoresca é máis doado explicar esa broma que fixo vostede co seu terceiro poemario, Cancoeiro de Monfero (1953) e que tanto deu que falar.
Estaba datado o día dos inocentes e con iso xa daba pistas abondo. O caso foi que aínda que os poemas eran meus, estaban construídos segundo o modelo da poesía medieval e eu presenteino coma un cancioneiro que acababa de descubrir e do que só era editor. Realmente foi o punto final desa vangarda poética que foi o neotrobadorismo.


E ao ano seguinte, 1954, ve a luz o Romance do pescador peleriño.

Si, está inspirado no romanceiro popular e baséase na peregrinación imaxinaria dun mariñeiro a Compostela.


Os estudosos coinciden ao sinalar que o seu mellor libro é Canle segredo, dese mesmo ano 54.

O libro gañou o premio Eduardo Pondal do Centro Galego de Buenos Aires, aínda que non se publico ata 1976 e iso fixo que a súa recepción estivese fóra do contexto literario no que naceu.



MONTERREY E CASTRELOS


O seu labor como editor foi imprescindible naquela época.

Dende logo era moi necesario. No ano 50, no que acababa de nacer a Editorial Galaxia fundei con Luís Viñas Cortegoso a editorial Monterrey. O obxectivo dos dous proxectos era o mesmo: recuperar espazo para o libro galego e continuar o labor do Grupo Nós que fora interrompido pola guerra e a represión. Máis tarde, no ano 63 fundei cos meus irmáns a editorial Castrelos.

O comezo dos 60 supuxeron un intenso traballo nos estudos históricos e literarios, por que marchou para Oviedo?

Si, foron anos con moitas publicacións sobre historia, etnografía e arqueoloxía, literatura medieval e dos Séculos Escuros. Pero economicamente as cousas non ían tan ben. Na confraría de pescadores gañaba pouco e a librería anticuaria e o traballo editorial supoñían moito traballo e poucos cartos. Por iso aceptei o emprego de representante de vendas de Pescanova na cidade asturiana ao tempo que traballaba tamén nunha empresa de publicidade.

Pero a experiencia só durou un ano.

Desgraciadamente si. No nadal do 66, María Luísa, a miña filla maior chegou enferma de Madrid cun cancro linfático incurable. Volvemos todos para Vigo. O prognóstico non se equivocou e morreu en marzo do 70. Foi unha etapa moi dura para toda a familia.


Na colección O Moucho de Castrelos publica A pega rabilonga.
Saíu no ano 1971 e trátase dun conxunto de relatos que teñen en común a presenza de tesouros nos seus argumentos.



OS ÚLTIMOS ANOS


Lamentábase a finais dos 70 de que a vida non deixaba de darlle paus. Por que?

Home, porque a miña muller estivo ás portas da morte por causa dunha meninxite e quedou xorda, no 79 morreu o meu irmán Darío, que tanto quería e o meu amigo Celso Emilio. Eu mesmo estaba operado da man dereita e xa case non podía escribir. Ademais presentáronseme unha diabete e máis unha insuficiencia coronaria das que xa non me dei librado.



E chegados a este punto decide vender os fondos de Castrelos á editorial Galaxia.

A editorial precisaba unha modernización para adaptarse aos novos tempos e eu, vello e enfermo, non tiña quen continuase o labor. Así que Galaxia quedou cos fondos de Castrelos e eu tiven un pouco máis de vagar para os meus estudos.

E tamén para recibir premios.

Si, nomeáronme Xefe do Departamento de Historia do Museo Quiñones de León, concedéronme o Pedrón de Ouro, Cronista oficial da cidade de Vigo. Cousas que pasan cando un vai vello.



E aínda tivo que aturar o secuestro da biografía do seu curmán Alexandre Bóveda.

O Banco del Noroeste encargárame a biografía de Alexandre pero non chegou a distribuírse. O franquismo encistado aínda manexaba os fíos da realidade galega naquel tempo.

E o 2 de marzo de 1985 deixounos o intelectual galego máis completo e representativo do seu tempo, segundo Darío Xoán Cabana.
Agradézolle moito as palabras dese gran escritor que colaborou comigo en Castrelos durante varios anos. Eu só podo dicir que fixen o que estivo na miña man por recuperar e dinamizar unha cultura arrasada na guerra e na posguerra e que tiven a Galicia como fito chantado no centro xeométrico do meu horizonte.

 *La foto de Xosé María Álvarez Blázquez pertence ós arquivos de El correo gallego de Santiago.

 

3 comentarios

iago -

menuda kaka

Paloma -

Olaa!
Felicidades!!

filomeno -

Pois é...!