ANDRE BRETON E A BUROCRACIA. Por G. PEAGUDA
Dende aquel día en que asistín na Librería Couceiro á presentación do libro “ Psicopatoloxia do Retorno” con que os seguidores do Dr Sheviriov gañaron o premio Ramón Piñeiro de ensaio e vin aloxarse a Andre Breton sen paraugas pola Rua Preguntoiro ó remate do acto no que me fixera aquela proposta tan louca de participar nun acto surrealista -que consistía en preguntarlle os autores do libro: ¿“Que opinión teñen do lacón con grelos”?-, non tiven mais noticias súas.
Pero o pasado venres cando estaba sentado na Tesourería Xeral da Seguridade Social, sentou ó meu carón Andre Breton. Mirámonos e cada un seguiu ó seu. Cando o chamaron levantouse e camiñou paseniñamente ata a mesa da funcionaria. Sentouse e pediulle que quería a súa vida laboral. A funcionaria tecleou o seu nome. A-N-D-R-E B-R-E-T-O-N. Pasaron uns segundos e a faciana da muller foi trocando e os seus dedos empezaron a golpear a mesa e a moverse dunha forma bastante estraña.
Entón, Andre Breton confundido preguntoulle se ocorría algo. A señora respondeulle que sí e díxolle:
- Sr Breton, vostede non existe para nós, só é un soño. É o que me sae na pantalla. Sr. Breton o estado nunca se confunde. Vostede non existe.
Andre Breton deu a volta cara a min e berroume: A BUROCRACIA É UN CANCRO.
***Os escritor e avogado de Ourense Gustavo Peaguda, con morada en Santiago de Compostela, envíame este texto sobre un dos grandes guieiros do surrealismo.
0 comentarios