Facebook Twitter Google +1     Admin

MANOLO BRAGADO: TODOS CON XOSÉ LUIS MÉNDEZ FERRÍN

20090201203854-ferrir-por-j.-arcos.jpg

O meu admirado editor Manolo Bragado publica un artigo no Faro de Vigo, na sección de Opinión, que é un homenaxe a un dos escritores que sempre recoñecín coma un mestre: Xosé Luis Méndez Ferrín. A él, a Otero Pedrayo, a Fole, a Dieste e a Cunqueiro, sen dúbida ningunha: eles son os meus deuses galegos da narrativa máis veterana. Reproduzo aquí o artigo de Bragado, ao que atopei o pasado Nadal na Coruña. Bragado é un hiperactivo, un editor que está sempre perto dos autores, un apaixonado do seu oficio. Ademais, estudiou en Universidades Laborais. Xa contei moitas veces canto me marcaron libros como Percival e outras historias, Crónicas de nós (que publicou aquí en Aragón Xordica) e Amor de Artur. Hai años, Félix Romeo, sabedor da miña inmensa admiración (non esaxero no calificativo), tróuxome unha edición de Con pólvora de magnolias dedicada por Ferrín para min. Ese venres estarei no Museo Guggenheim de Bilbao, onde entrevisto a Cees Nooteboom ás oito da tarde.

 

TODOS CON FERRÍN

 

Manuel BRAGADO / Faro de Vigo

Co gallo do seu septuaxésimo aniversario, Xosé Luís Méndez Ferrín recibirá unha grande homenaxe nacional en Vigo, o vindeiro venres, 6 de febreiro, a partir das oito da tarde, no Auditorio do Centro Social Caixanova. Un acto cívico e literario no que, ademais, será presentado "A semente da nación soñada. Homenaxe a X.L. Méndez Ferrín", libro coeditado por Sotelo Blanco Edicións e Edicións Xerais de Galicia. Coa edición deste volume en forma de "libro dos amigos e amigas" e con este acto literario e cívico, que continuará nunha cea de homenaxe no Pazo Os Escudos de Alcabre, preténdese recoñecer en vida e publicamente o extraordinario labor de quen empeñou as últimas cinco décadas (as mesmas que cumpre agora "Percival e outras historias", o seu primeiro libro de relatos) na construción da nación dos galegos.
Unha homenaxe merecidísima e necesaria, mais aínda cando é indiscutible que Méndez Ferrín é unha das figuras cimeiras da cultura galega contemporánea: grande mestre do relato curto, renovador da novela, voz poética rupturista, rigoroso crítico e investigador literario, polémico e lúcido articulista, entregado profesor do instituto Santa Irene durante corenta e dous anos, infatigable militante da liberación política e social de Galicia. En todos eses eidos -sexa na narrativa, poesía ou xornalismo literario, fose no da docencia ou no da actividade política, sindical e cívica- Ferrín puíu a peza da esperanza, que esa é alfaia de ouro (coa forma dunha esfera, dunha trabe, dunha espada, dunha estrela?) na que coma ourive continúa e, agaradamos durante moito tempo, continuará miniando.

Ferrín desenvolveu durante estas cinco décadas unha actividade política nacionalista teimosa e consecuente, que o levou a confundar o grupo Brais Pinto, a Unión do Pobo Galego, a UPG-Liña Proletaria, Galicia Ceibe-OLN e a participar actualmente na Frente Popular Galega, da que é candidato á presidencia da Xunta de Galicia nas vindeiras eleccións. Unha actividade política sempre rebelde e decisiva, que pasará a historia contemporánea de Galicia, xa que contribuíu a fundar o nacionalismo galego e a enlazalo cos movementos da revolución planetaria.
No eido literario, Ferrín asumiu, dende "Voce na néboa" (1957), o seu primeiro poemario, a necesidade de que como escritor en galego tiña que manter unha conversa permanente cos seus contemporáneos, sen fronteiras nin limitacións ningunhas, sen que isto lle impedise apoiarse sobre a trabe da nosa tradición. Con esta intención elaborou unha das obras máis diversas, orixinais e rabiosamente modernas da literatura galega, asumindo en cada momento todos os riscos posibles na abordaxe de xéneros e formas. Ferrín é o primeiro e o maior renovador da literatura galega contemporánea. Cada seu novo libro foi sempre novidoso e diferente ao anterior, fendendo fronteiras (a noveleta "Retorno a Tagen Ata", publicada na colección O Moucho en 1971, e o poemario "Con pólvora e magnolias", publicado por Rompente en 1977, son dous bos exemplos) ou abrindo vieiros ("Bretaña Esmeraldina", novela esencial, publicada en Xerais en 1987 polo seu amigo, o editor Luís Mariño) que anchearon o horizonte para a literatura de noso.
Outrosí, sucede no eido do xornalismo literario onde a figura de Ferrín é a doutro xigante. Sabemos que esta é unha das tarefas para el máis queridas e ás que dedicou maior atención. As súas colaboracións en "La Noche" (1955), "Triunfo" e "El Pueblo Gallego", os artigos de 1981 en "Hoja del lunes de Vigo", baixo o heterónimo de Dosinda Areses, contribuíron a crear o actual xornalismo literario en galego. Mais é, dende hai vinte e cinco anos, cando comezou a aparecer a súa sinatura en "Faro del lunes" e xa a partir de 1988 en "Faro de Vigo" (onde xa publicara en 1954 un artigo de viaxes, "Por tierras lusitanas. Impresiones de una excursión"), cando os seus artigos dos luns (agora, tamén, na sexta feira) se converten en referentes indiscutibles no devir dos lectores do decano e da propia sociedade viguesa. Artigos os de Ferrín no Faro sempre sorprendentes, áxiles, ben documentados, escritos nun galego fetén no que expresa as súa defensa do patrimonio e da natureza ou a súa mirada anticipatoria sobre a actualidade política de todo o que nos atinxe. Colaboracións que ampliou nos últimos anos a seccións de fin de semana, primeiro no popularísimo "Consultorio dos nomes e apelidos galegos" (recollido en libro en 2007) e, actualmente, na sección "No fondo dos espellos", onde vén ofrecendo algunhas das máis fermosas mostras de erudición cultural de noso.
Sei que esta homenaxe a Ferrín é apenas unha pequena mostra da admiración, agarimo e agradecemento dos seus amigos, camaradas, colegas, lectores, alumnos e concidadáns por este seu labor tan fulcral para Galicia. O venres, todos con Ferrín! (A foto, que está no blog de Manolo Bragado, es de J. Arcos).


bretemas@gmail.com

 

Comentarios » Ir a formulario

No hay comentarios

Añadir un comentario



No será mostrado.

(opcional)



Blog creado con Blogia. Esta web utiliza cookies para adaptarse a tus preferencias y analítica web.
Blogia apoya a la Fundación Josep Carreras.

Contrato Coloriuris