Blogia
Antón Castro

REXINA RODRÍGUEZ VEGA, PREMIO XERAIS*

REXINA RODRÍGUEZ VEGA, PREMIO XERAIS* Aínda emocionada, abafada polos flashes das cámaras e as chamadas telefónicas de varios medios de comunicación, Rexina Rodríguez contounos como naceu Contra o cardume, gañadora do XXIV Premio Xerais de Novela. Cando o seu nome saíu da plica, o abraio foi xeneralizado. O xurado atopaba naquelas páxinas unha voz narrativa cunha longa experiencia ás costas, unha feitura propia da xente que leva varias novelas publicadas. Pero era a primeira.

Primeira novela de alguén que realmente leva toda a vida traballando coas palabras: profesora de lingua na Universidade de Vigo, investigadora incansábel, autora de ensaios, edicións e críticas literarias, xornalista cultural... "Escribir, levo escribindo dende que me licenciei, o que pasa é que cambiei de xénero. Sobre todo, levo moitas páxinas lidas, hai unha bagaxe detrás". Unha experiencia nova: "resúltame máis sinxelo escribir novela ca ensaio, crítica ou para o xornal. É curioso, non? É moito máis agradecido: es libre! É palabra túa, estás montando ti a túa historia, e iso é un pracer intensísimo, que non tivera antes na escrita. Por primeira vez dixen "que ben o estou pasando escribindo". É tan liberador..."

Un espírito cunqueiriano no realismo máxico dalgunha das pasaxes da novela (a gran matriarca que morre ao caer dos seus oito colchóns, postos un sobre o outro, ao xeito da princesa de Andersen, e con ela derrúbase a base da economía familiar); un dominio da linguaxe e dos recursos literarios, sobre todo de contundentes metáforas, propio de quen leva ben anos pescudando nas raíces do texto escrito. E, sobre todo, un labor de documentación e investigación exhaustivo.


Contra o cardume é unha autobiografía de ficción, unha autobiografía con moito pouso do real e moita achega de ficción, pero sobre todo colectiva. As vidas das persoas, dunha e doutra xeración, interrelaciónanse e navegan xuntas. Coma unha bancada de peixes, coma o cardume: "está feita por vidas alleas, non pola miña propia, pero si por vidas próximas. Era un xeito de darlle sentido ao teu pasado e ser un elo, facer que as cousas permanezan."

"Todos temos a memoria da guerra"

Xa o anunciara no seu discurso: "outra maldita novela sobre a guerra civil", pero non é outra máis. Era moi necesaria unha historia en que o presente e o pasado están intimamente vencellados, en que non hai maniqueísmo nin vitimismo, pero si unha enorme conciencia de que a ferida segue aberta, e mesmo segue a ser transmitida xeracionalmente: "En realidade, todas as nosas memorias son a da guerra civil. A pouco que pescudemos está aí. Este país está enfermo aínda: estamos cheos de neuroses e de traumas que veñen de aí". A Rexina non lle interesaban tanto os grandes feitos históricos como os efectos na memoria e na psicoloxía da xente. "Todos temos a memoria da guerra. Diferenciar a "memoria", en xeral, da "memoria da guerra", no século XX non é posíbel. Hai que saír do silencio, empezar a contar as cousas".

Investigadora incansábel, a novela naceu da pescuda sobre a obra incautada do dramaturgo Urbano Rodríguez Moledo. Está no prelo, en Sotelo Blanco, unha edición crítica de Rexina Rodríguez. "Fixen dous traballos, o estudo literario e a recreación". Co núcleo central do estoupido da guerra e da represión sufrida pola persoa concreta, por ese Urbano que remata a novela na mesma illa de San Simón, nunha paisaxe da infamia que nestoutro día de celebración aparecía ben diferente, artéllanse as vidas de diferentes personaxes, con identidades ben definidas, pero en absoluto planos. Hai unha dobre viaxe na novela: a que fai a persoa que le, da man da muller que narra a novela, e a que ela mesma fai, da man dos recordos de quen viviu a guerra. "A idea era recoller o que temos todos nas casas, facerlle xustiza á memoria. Tentei reproducir iso".


Feita a lume lento

O traballo de investigación é encomiábel: "hai moito traballo de arquivo, unha documentación importante, aínda que tentei que non se notase moito no texto final". Non atopamos tanto unha exposición rigorosa de datos históricos no medio do Cardume como un convite a mergullarnos de verdade, vivir e cheirar o Vigo de hai setenta anos. "Eu metinme nesa época, cheguei a vivir nela". Foron moitos anos enfiando os anaquiños (a estrutura é fragmentaria, como as propias lembranzas) desta novela, tecéndoos co coidado da artesá: "é unha novela feita con cicel. Eu tendo a traballar máis así ca con revisións xerais, traballando o texto até que realmente o sino fóra de min, acabado, até que o texto rebote, cando xa non o podes tocar máis".



Comezou con ela ao rematar a súa tese sobre Cunqueiro, ao vir de Barcelona, no 2001. "Polo camiño tiven dous xemelgos, fixen unha casa... Está feita nos primeiros anos da vida dos meus fillos, aproveitando as noites mentres os nenos dormen. Non sei se doutro xeito a escribiría máis rápido, pero penso que tiña que ser un proceso lento. Cando vin de Barcelona remodeláronse moitas cousas, iniciei un proceso de reconstrución da vida, e nese proceso estaba ser escritora". O resultado final evidencia o enorme traballo. Unha primeira novela que entra pola porta grande, cunha sorte de xustiza poética pola cal Urbano, dalgún xeito, resucita sete décadas despois na mesma illa onde foi asasinado, feito palabra.

 

[Xoán Abeleira envioume un enlace para esta páxina de "Vieiros" de "Galicia hoxe", onde se da noticia de que unha vella amiga da revista "El Público", Rexina Rodríguez Vega, doce, alta y traballadora, acaba de gañar o premio Xerais de novela. Soñei algunha vez con ese premio. É probable que nunca máis volva a escribir en galego (perdín o sentido da lingua, a proximidade),  e por iso aínda me  alegra moito maís que gañe o premio Rexina coa súa primeira novela]  

0 comentarios