Blogia
Antón Castro

PATTI SMITH E RIMBAUD, EN GALEGO

PATTI SMITH E RIMBAUD, EN GALEGO

[O escritor galego Xoán Abeleira envíame esta traducción ao galego dun poema de Patti Smith, que sempre me gustou. Esta versión publicouse na súa sección de "La Opinión" de A Coruña. Aínda que non fun capaz de apresentar o meu último libro "Golpes de mar" na cidade na que parte, sígolle tendo un grande amor a Galicia, a esa cidade e a lingua. Foi unha mágoa porque xa nunca máis vou ser capaz de escribir nada tan galego, nada tan coruñés. E por eso aínda me gosta mías publicar textos en galego neste blog. Xan Abeleira  foi músico denantes que poeta. Alégrame moito que a cidade da miña adolescencia o acolla tan ben como me acolleu e me acolle a min Zaragoza.]

 RIMBAUD E(N) PATTI SMITH I. soño con rimbaud 

son unha viúva. se cadra en charleville ou nalgures. avanzando detrás do arado. no agro. o mozo arthur axexa a granxa (de roche?) agochado trala bomba de auga o pozo artesiano. dende alí arrebólame un vidro verde alias anaco de cristal e dáme nun ollo.

agora estou no andar de enriba. na miña habitación vendando a ferida. entra il. apóiase na cama con dosel. as meixelas arroibadas. o ar desdeñoso. as maos grandes. a min paréceme endiañadamente atractivo. qué che pasou pregunta disimulando (de máis). eu quito a venda. amósolle o ollo un mestrugallo sanguinolento. un pesadelo de Poe. il arfa.

eu espétolle sen máis. alguén mo fixo non si? fuches ti. il cae prostrado. salouca. aférrase ós meus xeonllos. eu agárrolle o pelo. case a queimarme os dedos. lume espeso de raposo. cabelo dondo marelo. aínda que con ise inconfundible ton rubio. rubedo. fulgor rubio. o cabelo do Un.

ouh deus cómo desexo a iste porco fillo de puta. empeza a lamberme a mao. eu moi seria como se nada. bule axiña condenado a túa nai está a agardarte. il érguese. marcha. mais non sen botarme unha ollada das súas ises ollos fríos azuis que me esnaquizan. dubida. xa é meu. rodamos pola cama. prémolle a gorxa lene coa punta dun coitelo. solto a arma. apertámonos. devórolle a cabeleira. piollos tan grosos coma o polgar dun neno. piollos piollos caviar do cranio.

ouh arthur arthur. estamos en abisinia en aden. facendo o amor fumando arreo. bicámonos. pero o noso é moito máis. azur. azul relanzo. lago con manchas de aceite. as sensacións engánchanse anímanse. sima de cristal. doas de cores estoupando. costura dunha tenda bérber a racharse. fendas e claros abertos coma unha cova abertos a feito. rendición total.

 II. rimbaud morto 

ten trinta e sete. cortáronlle unha perna. a sífilis revé. un virus cor crema. un mísil misterioso a se elevar polo cu dun m−5. a vítima padece alma−o−causto. a súa cara de parvo e a súa marabillosa lingua inútil, inchada.

rimbaud. xa non é o novo e afoutado xinete do altiplano abisinio. o seu ardor petrificouse pra sempre.

a súa lene perna de madeira repousa apoiada na parede coma un soldado ocioso agardando ordes. o dono xa tolleito tan só pode estar deitado deitado. zugando té de papoula cunha palliña − un sifón de opio. unha vez cheo de abraio ergueuse a perseguir con vehemencia unha aparición − unha faciana. se cadra harrar un mar rixado ou o querido djami abandonado na ardida arena de aden. rimbaud ergueuse e caeu de bruzos facendo un bruído seco. o seu longo corpo espido estomballado sobre a alfombra. condenado a xacer alí a mercé de dúas mulleres que apestan a piedade. rimbaud. il que tanto adoraba o autocontrol agora nifra e esfurrícase coma un meniño con cólicos.

quer o elixido quer o desafiuzado a envorcallarse entre excrecións de arroz. quer a lingua muscular quer o mudo que xamais volverá embebedarse. agás na hora do té cando sorbe o líquido. alasando engana o fluxo sanguíneo. perde a consciencia. vese iluminando axeonllándose rubindo montañas correndo a escape. quer voyager quer voyeur que nota todo. un remeiro moi decidido superreal. a súa perna artificial álzase e preme o espazo. unha perna nun baleiro. 

está a acenar rimbaud?

non. está a fitar

na parede un buraco. a impresión dixital do polgar de duchamp. unha fracción de luz do grosor dun alfinete. un iris a se abrir. devagar vémo−lo conxunto. todo se abre se desprega coma un brueghel. é un día de festa...

é un banquete nupcial...

están a asar porcos e mazás co mandil posto. o arrecendo ascende. é un domingo é un manet é o almorzo na herba. é a hora de seurat é a hora da luz é a hora ideal pra face−las beiras montar en barca ir bailar.

e a perna de rimbaud cativada sae bailando be−bop pola porta intérnase no bosque por entre as árbores – raga rag envorcando as cestas da comida zoando por diante da cancela do cemiterio da igrexa levando o ritmo fai unha xenuflexión despois calcula o chimpo salta por riba da escena por riba do arco da vella sae do lenzo e entra no espazo puro espazo − tan remoto e descorado coma a querida face de arthur. unha face xa incorpórea chea de graza. os ollos afundidos − esas xoias de cobalto pechadas xa pra sempre.

a man fechada o pulso relaxado

a pipa xirada cara a dentro...

fóra no xardín amoréanse os nenos.

e non por capricho. iles son tan inmaculados,

tan crueis coma il.

cántanlle:

as pernas non pode mover

os dentes non pode amosar

a verga non pode meter

non pode o bebé gabear

rimbaud rimbaud rimbaud de cara ó paredón

carambo frío retorto morto e requetemorto 

bágoas de socate!

  NOTA: Rimbaud foi o primeiro −e se cadra o máis duradeiro− amor de Patti Smith. Con il comparárona dende o principio, e a il dedicoulle varios poemas. Istes dous pertencen á súa etapa inicial de Vidente do Rock, igual que o debuxo que os acompaña. As versións ó galego son miñas.       

0 comentarios