Blogia
Antón Castro

O AZAR E O POETA DO MAR. UNHA HISTORIA GALEGA

O AZAR E O POETA DO MAR. UNHA HISTORIA GALEGA

[Estimado Antón:

 

Este sábado me sucedió algo que podría encuadrarse en aquello que Paul Auster llama en su libro “ la invención de la soledad” : Nuevo comentario de la naturaleza de la casualidad. Te lo cuento en el texto que va anexo a este mensaje.

 Este texto ha sido  escrito en una mesa del café Latino de Ourense y en unas servilletas y es un regalo que este visitante invisible te hace por el millón de visitas que ha tenido tu blog.

 Sin más te  deseo que no solo tengas otro millón de visitantes sino muchos más millones.

 Un abrazo. Gustavo Peaguda.]

 

 

Unha das miñas afeccións cando vou unha fin de semana a cidade  que me fai comprender por fin aqueles versos da terceira cantiga de alén  de José Ángel Valente e que din “ Alongarme somente  foi o xeito/de ficar para sempre” é visitar as súas  librarías.

 

Esto é  debido a que sinto unha paixón case compulsiva ou enfermiza ante un caixón cheo de libros no que pendure un cartel no que poda lerse a palabra SALDOS.

 

As veces penso que son unha especie de rescatador de libros abandonados coma cans polos seus donos e que levándomos para miña casa polo menos esta noite van durmir o quente nos andeis da miña biblioteca.

 

Outras veces tamén penso que son , como o titulo do libro de poemas do poeta  Ramiro Fonte, un cazador de libros que cada maña de sábado sae da súa casa como mesmo pensamento que un cazador de perdices que ande pola Limia. Unha boa peza que apresar. E que en vez de acabar rillada coma a perdiz pola familia Peaguda naquela especie de salón do oeste situado en Zadagos e propiedade do Penin  vai  parar o lugar no que os libros esperan unha futura lectura.

 

Ou mais ben son como o pai de Paul Auster do que di que para el comprar barato constituía  unha forma de vida?.

 

Quen sabe.

 

Este sábado cando entrei na Libraría Torga do Xabier Paz, alí me atopei con ese caixón no que penduraba en letras ben claras a palabra SALDOS. Púxenme  a rebulir no caixón e a seleccionar cales serian as miñas presas que ía abater esta maña de cazaría.

 

Escollín varios números da revista NORDES editada por Ediciós do Castro. Comecei a  pasar as súas follas para ver o seu contido. Cando chego a páxina vinte e seis leo o comezo dun relato que me chama a atención. “ A MORTE tiña que ser no mar. Costara-me moitas noites decidi-lo pro daquela xa non me cabía dubida. Morrería de madrugada no mar. Afogado.”

 

Volvín a ler as primeiras liñas do relato e me veu a memoria aqueles versos daquela poeta uruguaia de apelido de son tan galego, Idea Vilariño, e  que din  “ Uno siempre esta solo/ pero a veces está más solo “  e tamén  aquela foto que sacara este verán na praia das Furnas visitada con María e có galego que sinte en Madrid verdadeira saudade do seu benquerido Bar Orellas de Auria.

 

Lería o autor do relato  algunha vez estes versos?

 

Estaría o autor algunha vez diante deste mar  que saíu na foto coma unha noiva ben peiteada e que golpea unha e outra vez as rochas co mesmo desexo que teñen uns verdadeiros namorados cando xuntan os seus beizos nun bico?.

Non o sei.

Despois destas preguntas que pensei, comezou a curiosidade. Quen era o autor deste relato de comezo tan desesperado e que fai que o personaxe  faga seu aquelo de “ é hora de apagar a lámpada/ enriba da porta...” de Mariña Tsvietaieva?

 

Entón foi cando vin escrito debaixo do titulo do texto o nome do escritor e o final do mesmo  a data e o lugar en que debeu ser escrito:

 

AUTOBIOGRAFIA DO AFOGADO

ANTON CASTRO

 

 Zaragoza. 1982.

 

Despois de saber que era o autor  chegou o silencio.

Cafe Latino. Ourense, 04/10/2008

 

[NOTA DE ANTÓN CASTRO. A primeira persoa que publicou un dos textos meus en galego foi a poeta Luz Pozo Garza, a quen non coñezo pero a quen lle tiven sempre moita lei. A ela e ó seu amor primeiro e logo marido: Eduardo Moreiras. Leo con pracer a Luz Pozo Garza, teño varios dos seus libros, e releo con saudade o dietario Follas de vagar, de Moreiras, que sempre me ensinou a soñar Galiza e a soñar en galego. Acababa de nacer o meu fillo Daniel, acababa de escribir un poemario moi narrativo e mariño, O praial dos afogados, de quince poemas, en verso e prosa, nunha servilleta de celulosa, de bar, en tinta negra y soñaba con ser poeta. Envieille o poemario enteiro a Luz Pozo Garza. É un libro que perdín para sempre. Era o meu segundo poemario: uns meses denantes presentara no Centro Galego de Zaragoza un libro influenciado por Lorca, Lois Amado Carballo, Augusto M. Casas, Álvaro Cunqueiro e a poesía popular galega. Tamén o perdín, eso si tiven azos para ir ver a Xesús Alonso Montero á súa casa de Vigo –nos tempos en que dirixía a colección Area Longa de Akal- e liuno, faloume do influxo de Lorca e de Amado Carballo e despediume con agarimo: “Aquí hai poeta”, dixo.

 

Gracias, Gustavo. Unha aperta. A fotografía é de Idea Vilariño, de nova.]

 

0 comentarios