Blogia
Antón Castro

SOL RIVAS: A AURA NA PEL. Por Xoán ABELEIRA

SOL RIVAS: A AURA NA PEL. Por Xoán ABELEIRA

*Este artigo da serie ‘O creador no seu obradoiro’ aparece hoxe na edición galega de ‘El País’. Pertence a unha estupenda serie que ven facendo Xoán Abeleira con absoluta paixón. Neste caso está dedicada a Sol Rivas. Faime un pouco de gracia o comenzo: hai apenas un par de meses, Xoán Abeleira non sabía nada de Francesca Woodman, agora, como xa o era denantes Sol Rivas, é un tolo da súa fotografía que acaba de expoñerse en Murcia.

 

 

O CREADOR NO SEU OBRADOIRO

 

SOL RIVAS: A AURA NA PEL

 

Xoán ABELEIRA

A muller que xena na foto está a atoparse a si mesma, está a ollarse amencer. Mais, igual que nas catas de Francesca Woodman (unha das súas fontes de luz recoñecidas), nesta non se aprecia nin un ápice de narcisismo. Ó contrario. Se este intre de verdade aprehendida nos parece tan efectivo é porque a súa autora deu en transcender o tema. Algo dobremente difícil tratándose dunha imaxe especular.

Pois qué é o que achamos aquí, neste autorretrato feito ex profeso para esta serie? Unha conciencia abrollando, espertando a e á súa primavera. A alba, si, dunha persoa que, asemade, é todas as albas do mundo, todas as persoas do mundo. Por iso nos convence. Por iso nos conmove tanto coa súa entrega total. Nel advertimos xa a característica esencial –nunca mellor dito- do xermolo Sol Rivas: o lirismo. Esta muller que a penas vén de entrar na vintena é poeta en todo o que fai. E fai un mundo de cousas: fotografía, cine, teatro, interpretación… e poesía. Todo nela, todo o dela deita poesía. Mesmo as palabras coas que explica a maneira na que a arte nos transforma: “Coas obras que me abraian pásame un pouco como cando leo un poema e non o entendo de todo. A beleza e a intensidade son moitas veces puras sensacións creadas polo ritmo, a sonoridade, as connotacións das palabras que quedan penduradas da mente, como se esta nese intre for un buraco negro. A partir de aí, dunha sensación, a poesía arrástranos nunha viaxe sinestésica polo interior de nós, do que coñecemos ou ignoramos, do que lembramos ou esquecemos, con todo o peso que as palabras levan para nós sobre os ombreiros. E só a partir de aí, coas sensacións que nos provocan os detalles, é cando principia a comprensión do que non enxergamos, abríndonos ó universo dese poema. Iso é o primeiro que sentimos: a aura que a poesía nos deixa na pel. A asimilación racional chega despois.”

Líricos son, daquela, os horizontes cara ós que se dirixe esta incipiente pero portentosa multicreadora, unha magnífica representante da súa xeración, a cal se define, como di a propia Rivas de si, pola súa arela de “falar de distintos xeitos dunha mesma cousa, xa que, nunha obra, a unión e o enfrontamento entre os diversos elementos son os que crean os significados, espallando e demarcando cadanseus límites.” Líricas as series fotográficas que agora mesmo está a realizar en Buenos Aires, dotadas desa aura, entre onírica e hipnótica, coa que, segundo ela, nos inviste a poesía. Líricas as tres curtametraxes que artellou e dirixiu en Barcelona, onde cursou estudos: Cómo decirte, meu amado (unha reflexión sobre o amor), Sal (sobre a soidade e a frustración) e Ó lombo (sobre a incapacidade que xera o peso do pasado e a culpa). Lírica, tamén, Xeada, a peza que escribiu e interpretou, adobiada de fariña, en cafés e teatros. E líricos, en fin, no senso alto do adxectivo, os poemas que a achan, presta a transcribilos, nos lugares máis afastados do planeta: Fez ou Iguazú.

Denantes de marchar a Arxentina, Rivas deu corpo a un libro de Lino Braxe: Baixo o sol de Mesina. A súa primeira serie impresa. “Esas fotos son unha tentativa de captar, con total sinceridade, a luz que as persoas irradian ós ollos de quen as fita”. Imaxes dun erotismo tan intensamente godardiano coma algunhas de, por exemplo, Vivir a súa vida. A referencia á onda francesa parécelle axeitada a quen recoñece “gustar moito da maneira na que os directores da Nouvelle Vague tratan os xestos. En Godard, os planos xogan coas faces, coas olladas, coa fragmentación do Corpo físico e fílmico, transmitindo grandeza a partir do pequeno. Tamén eu procuro establecer ese diálogo complicado pero impactante entre imaxe, palabra falada e intertítulos.” Un obxectivo que se resume no concepto reverdyano que ela ten do poema visual, na liña dos maiores poetas do cine. Coma Vertov, Buñuel, Vigo ou Antonioni, Rivas aspira “a fundir a linguaxe poética e a cinematográfica nunha abstracción engaiolante, unindo imaxes que non necesariamente estean vencelladas entre si e que adquiran sensos novos por medio da montaxe.” E o símbolo que mellor define ese traxecto que ela xa está a cubrir con tantísimo talento é o do tren. “Encántame porque nel recuperas a sensación de desprazamento que perdes na inconsciencia do avión, e eu creo que o espazo merece ser percorrido a e con conciencia. É como viaxar pola realidade pero ollándoa dende fóra e interactuando con ela asemade. O tren é un desoutros non-lugares nos que vivimos a cotío pero, coma as viaxes son intervalos entre as distintas estacións que, consonte coidamos, conforman a nosa existencia (o traballo, o lecer, a casa…), o tren fainos sentir noutra dimensión, algo distanciada, e moi sensible. Gustaríame que as miñas xeiras fosen así: coma os trens nos que se mesturan as palabras, os sons, as imaxes, as lembranzas, os soños, as sensacións, en fin, de todos os viaxeiros: as que deixan os que marchan e as que traen os que soben.”

*Autorretrato da artista galega Sol Rivas.

 

3 comentarios

kilombo -

No entiendo todo el texto pero se adivina mucha sensibilidad en esta chica. Y me parece muy bien la idea de apoyar a los nuevos talentos.

jairo -

Quedo con ganas de saber más de esta artista. ¿Quién es? ¿Ha publicado algo?

ana h. -

Hermoso autorretrato. Hermoso artículo.