XOÁN ABELEIRA: UN POEMA
MONTE ALTO (O PETROGLIFO INVISIBLE)
XOÁN ABELEIRA
A Manuel Rivas que
(a)prendeu no seu ventre.
As mulleres danzaban
Encadeadas
En rolda
Un século
Dous séculos
Século tras século
Un home a cabalo
Rinchaba
Perante elas
Denantes de elixir
A mellor pra prender
A palla do seu leito
E así un século
Dous séculos
Século tras século
Mulleres
A quecer a amecer
Cun home nun cabalo
Ata que unha daquelas
Égoas incendiarias
Abriu os ollos ás outras
A rolda das irmás
Pechouse sobre si mesma
Anoouse no seu eixo
As trece danzantes
Decapitaron o home
Montaron o cabalo e
Así naceu esta cidade
Así se ergueu iste faro
Así medrou iste monte
NOTA: Segundo aseverou Don Eladio Rodríguez no seu Diccionario Enciclopédico Gallego-Castellano, Tomo III, páx. 125, “a pena dos bicos” ou “o altar dos bicos” (chamada así porque nela pinaban as parellas que crían no poder de fecundidade dos penedos), é unha “roca a flor de tierra que se halla en el punto llamado Punta Herminia, a la derecha de la carretera que conduce a la Torre de Hércules, y que tiene un gran interés por las insculturas que en ella se ven, representando danzas ceremoniosas, en las que intervienen trece mujeres y un solo hombre, a juzgar por las figuras estilizadas de sus grabados”. Nin a tal pena nin o tal petróglifo puideron ser invencións de Don Eladio pois seica no seu día, a principios do século XX, o achado foi grande noticia entre os estudosos e os xornalistas que se fixeron eco dil. Mais o caso é que eu aínda non dei con il nin con persoa ningunha que saiba do seu paradoiro…
Por outra banda, aproveito a publicación diste poema inédito pra invitar a lectores e lectoras ó recital que, dentro do ciclo organizado pola Asociación Cultural Alexandre Bóveda sobre poetas d’A Cruña, daremos o meu amigo Suso Pensado e máis eu, presentados por outros dous amigos e poetas, Miguel Mato e Xulio López Valcárcel. A cita é ás 20.00, na sede da ACAB: Rúa Olmos, 18.
*Este poema, dedicado a Manolo Rivas por Xoán Abeleira, poeta e traductor, aparece hoxe na súa sección ‘Asieu’ nas páxinas de ‘La Voz de Galicia’. La foto es de Minor White.
0 comentarios