Blogia
Antón Castro

LA VOZ DE GALICIA: UNHA ENTREVISTA CON XESÚS FRAGA

LA VOZ DE GALICIA: UNHA ENTREVISTA CON XESÚS FRAGA

[O pasado mércores, o escritor e xornalista Xesús Fraga publicaba en ‘La Voz de Galicia’ unha entrevista conmigo co gallo da aparición de ‘El paseo en bicicleta’ (Olifante), o libro  que se apresenta esta tarde en el Teatro Principal. ]

 

LITERATURA

Antón Castro: «Eu contradigo o tópico,

porque tiven moita sorte coa miña sogra»

 

O autor galego, afincado en Zaragoza, publica senllos libros sobre «o gran inimigo» e a bicicleta

 

XESÚS FRAGA / La Voz de Galicia

Influído quizais pola variedade que imprime o xornalismo, o seu oficio dende hai anos, a obra literaria de Antón Castro (Santa Mariña de Lañas, Arteixo, A Coruña, 1959) é igualmente un mostrario das máis variadas temáticas, mais sempre participada por unha ollada moi persoal. Un bo exemplo son os dous libros que veñen de confluír nos andeis de novidades: o poemario ‘El paseo en bicicleta’ (Olifante) e o volume colectivo ‘Suegras’ (Nuevos Rumbos).

-No subtítulo deste libro cualifícanse as sogras como o «gran inimigo», pero en cambio o retrato que fai vostede da súa non pode ser máis admirativo.

-Si, eu debo de ser o caso máis raro e o que contradí o tópico. Eu cheguei a Zaragoza no ano 78 e coñezo a miña sogra dende o 80, e creo que a súa é unha verdadeira vida de santa. Xa sei que parece esaxerado, pero é a realidade. Tiven a sorte de ter unha sogra que sen agobiarte é como unha segunda nai. É certo que literariamente non dá tanto xogo, porque non hai conflito, pero é que non podía escribir sobre ela doutro xeito.

-No poema que lle dedica percorre toda a súa vida e así consegue retratar os grandes acontecementos do século na biografía dunha soa persoa.

-Eu marchei moi novo da miña casa, con 18 anos, sen madurez, sen case entender aos meus pais. Así que asistín á vida dos meus pais a través dos ollos dos meus sogros e aí estaban a Guerra Civil, os maquis, a posguerra... foron como un espello no que me miraba.

-En «El paseo en bicicleta» (Olifante, 2011) fala dunha paixón que xa lle vén dende a infancia.

-Ter unha bicicleta é un soño que tiven xa de neno, cando lla pedía aos meus pais pero non ma compraban porque dicían que me ía matar nela. Agora vivo no campo e grazas á bici descubrín os matices dunha paisaxe moi suxerente. Es máis consciente da natureza, do que te rodea, xa que dende a bici es quen de percibir moitos aspectos da vida. Este é un libro que nace da propia vida.

-¿Cidades como Amsterdam lle transmiten unha impresión moi civilizada precisamente pola profusión de bicicletas?

-A primeira vez que visitei Amsterdam quedei marabillado. Tiñas unha percepción do tempo diferente: había un aquel de acougo, sosegado, de tranquilidade. Eu adoito circular a vinte ou trinta quilómetros por hora e iso che permite ter a sensación de que dominas a paisaxe, de que absorbes a luz.

-Por volver ao seu desexo insatisfeito da infancia de ter unha bicicleta, ¿vostede vive como pai cos seus fillos o que non puido vivir como fillo cos seus?

-Cando vivín en Urrea de Gaén saía moito en bici co meu fillo maior, Daniel. Había unhas subidas fantásticas, pero logo había que baixalas e eu sempre baixei moi mal. E si, estaba facendo o que me gustaría ter feito co meu pai, pero como esa experiencia non a puiden ter, a puiden vivir co meu fillo.

 

*La foto es de Julio Foster.

0 comentarios