O NOVO LIBRO DE MANOLO RIVAS (CRÓNICA DE MANOLO BRAGADO)*
A agardada novela de Manuel Rivas xa está nas librarías. A estrea produciuse a tarde do pasado venres na Feira do Libro de Vigo durante unha asinatura de exemplares que durou máis de catro horas. Ao día seguinte realizamos o primeiro acto público, un encontro con xornalistas na terceira planta da Torre de Hércules.
Rivas iniciou a súa intervención na torre, despois de subirmos case douscentos banzos, advertindo que a súa non era unha novela histórica nin unha novela de guerra civil. Definiuna como novela armilar –utilizando a figura da esfera armilar, construída coas diferentes órbitas dos astros– na que moitas vidas se van entrelanzando e na que os obxectos e os espazos teñen un grande protagonismo. Entre eles citou a casa de Panadeiras 12, onde viviu Casares Quiroga; o balón do “Dilligent”, o primeiro balón de fútbol que chegou á Coruña nun barco; a lanterna do policía Paúl Santos, capaz de ver por si mesma; ou a cámara fotográfica de Leica, un dos protagonistas da novela. Insistiu no carácter de seres vivos que teñen os libros na novela, xa que cando son queimados son descritos polos cheiros. A ese teor, sinalou que o episodio da queima dos libros na Dársena coruñesa, sucedido o 18 de agosto de 1936, ten un papel central na novela na medida que interrelaciona a moitas persoas de distintas extraccións sociais. “Os libros que arden cheiran a pel humana. Un cheiro que vai impregnando a toda a cidade”.
Despois de ler dúas páxinas da obra referidas ao triángulo da Torre, confesou que a novela amosa “unha escrita permanentemente en vilo, intentando que as palabras tivesen carne e óso”. Para o autor, formalmente atravesa a novela un trhiller, a cabalo da serie negra de intriga, entre o político e o policial; mais tamén, para el, ofrécese outro tipo de trhiller, o da historia dramática da cultura, xa que se realiza unha viaxe ás tripas do fascismo español e aos alicerces da Coruña de tradición republicana e libertaria. Rematou a súa primeira intervención, evocando a diferenciación que realizara Melville entre “literatura pel vermella” e “literatura rostro pálido”: “Esta novela é claramente pel vermella”.
Contestando ás preguntas realizadas polos xornalistas, Manuel Rivas profundizou en diversas cuestións. Interpelado sobre a relación entre historia e ficción, lembrou a frase de John Ford, “o que fago non é realidade, mais é verdade”, para indicar que intentara que a esfera armilar pousara na Coruña, vítima dun Farenheit real. “Pretendín escribir unha historia universal, ao tempo que pretendín universalizar a Coruña. Cada lugar é ou pode ser o centro desta esfera”. Referiuse logo a importancia da Coruña, durante o período entre repúblicas, como a cidade librepensadora do Atlántico. “Unha das historias que se contan na novela é como fanaron esa cidade. Intentei achegarme á vida real das persoas, algo que só se pode realizar dende a literatura, para proporcionar unha información esencial, un ADN ou xenoma humano que non se pode desenvolver nada máis que dende a literatura”.
Preguntado sobre cáles eran as expectativas que tiñan sobre a novela, Manuel Rivas contestou que “pretendín dar algo novo, que os lectores tivesen unha ollada máis ampla sobre certas cousas. O importante son os outros. Creo na xustiza, non na revisión histórica. Creo que se deben contar as verdades descoñecidas”.
Sobre o marcador de lectura, que se inclúe na novela, o autor sinalou que a reprodución desa primeira páxina da publicación libertaria coruñesa, “Brazo e cerebro”, correspondente ao 15 de xullo de 1936, é moi reveladora xa que anuncia tanto o golpe fascista como convida a participar nunha viaxe para participar en agosto na festa dos Caneiros. “Esta é unha grande metáfora: un río que é festa de vida, foi nese ano río de morte. Trinta e dúas persoas apareceron como descoñecidas e nunca recuperaron o seu nome. As primeiras persoas paseadas na Coruña foron un menor de idade e un libreiro, chamado Eirís, que tiña a súa libraría en San Nicolás”.
A derradeira das cuestións sometidas á consideración do autor xirou arredor da presenza da cultura popular. Rivas sinalou que “na novela aparecen bibliófilos, xente que colecciona libros e biblias, que nos momentos decisivos da historia teñen comportamentos noxentos. Porén, aparecen persoas que nunca leron un libro e que durante o episodio da queima son as que están máis horrorizadas, porque están sentindo a dor dos que nunca leron un libro. A literatura permite abordar estas contradiccións”. Por último, sinalou que en toda a novela hai unha dimensión dionisíaca e de goce erótico, baseada nos textos da cultura popular, dende a celebración do entroido, a xente das orquestras e dos bailes, as praias nudistas dos anos vinte e trinta, as salas de festas e os teatros…
*O editor e magnífico lector Manolo Bragado, a quen non coñezo personalmente, reproduce este fermoso texto sobre a novela de Manolo Rivas no seu espléndido blog: http://bretemas.blogspot.com/ Tómollo prestado con toda admiración. Teño moitas ganar de ler a nova novela de Manolo. O próximo venres chegarei á Coruña e ese mesmo día ou o sábado mercarei o libro. Escoitei falar del en varias ocasións e ten unha pinta espléndida. O libro titúlase "Os libros arden mal" e está publicado por Xerais. A foto de Rivas pertence a Francesco Gattoni e os porches non son os de Zaragoza.
2 comentarios
gustavo peaguda -
Por aquella epoca tambien se publico una muy buena novela y que el resto de españa posiblemente no conozca " as rulas de Bakunin" na editorial Galaxia de Anton Riveiro Coello.
Por certo Anton que difrutes da tua estancia entre nos. Se ves por Compostela espero que nos crucemos polas vellas ruas e poda recoñocerte e dicir hai vai o mariñeiro de Aragon.
Unha aperta
Gustavo Peaguda
Cide -
Últimamente parezco muy crítico en mis comentarios. A ver si pronto puedo dejar algo agradable sobre alguien. Gracias por tu paciencia, Antón.