Blogia
Antón Castro

CRÓNICA DO DESCENSO DO CELTA*, POR MANOLO BRAGADO

CRÓNICA DO DESCENSO DO CELTA*, POR MANOLO BRAGADO

DESCENSO MERECIDO
Fallounos o Rácing de Santander! A vitoria merecida do Celta diante do motivadísmo Xetafe foi insuficiente para que se producise o milagre. Co apoio da bancada petada e voluntariosamente algareira, os celestes saíron moi nerviosos sabendo que a súa sorte non se dirimía só sobre a lameira viguesa e boa parte das súas posibilidades de permanencia quedaban na capacidade dos cántabros de non perder diante do Betis. No arranque do encontro, a defensa de Stoichkov facía, outra vez, auga de forma clamorosa e a solución de Ángel como mediocentro amosábase ineficaz para impedir que os tres dianteiros do Xetafe atuasen a Pinto cunha facilidade estremecedora. Así chegou o gol de Redondo, quen sen marca ningunha aproveitou un rexeite na fronte da área. Paradoxicamente, o Celta soubo erguer o seu ánimo e con enorme facilidade conseguiu empatar, minutos antes do descanso, grazas a un contragolpe moi ben resolto por Bamogo, que realizou un dos seus mellores partidos.

Tras a reanudación, os celestes saíron afoutos, decididos a resolver o encontro decontado. Anunciouno Gustavo López cun intelixentísimo saque de falta, que bateu no poste, e concretouno Lequi rematando de cabeza un saque de esquina. Desbordouse, por uns minutos, a euforia en Balaídos: o milagre no que ninguén acreditaba, semellaba posible. Porén, as noticias radiofónicas dos goles do ex-céltico Edu no Sardinero foron enmudecendo a bancada que respectou os vinte e cinco minutos finais nun silencio sobrecolledor, expresión da súa tristeza e decepción por un descenso xa inevitable.

Os que acudimos durante toda a tempada ao estadio sabemos que este descenso foi tan merecido como doloroso. Un equipo que só conseguiu gañar catro partidos na casa non podía aspirar a continuar en primeira. Non hai dúbida de que o Celta, se pretende volver axiña a primeira, precisa refundar o seu proxecto deportivo partindo case de cero. Velaí un reto moi difícil do que falaremos en setembro. 

[Non me  alegrou nada a perda de categoría do Celta de Vigo. Aínda que coruñés e deportivista, o Depor e o Zaragoza rivalizan nas miñas preferencias, non rivalizan, conviven, pero tamén sigo con atención o Celta. Acórdome de equipas enteiras, desde os tempos de Bermúdez, Pedrito, Manolo, Villar, Doblas, Lezcano, Rodilla, Juan, Castro, Sanromán... Manolo Bragado, e editor de Xerais, onde publiquei “A lenda da cidade asolagada”, e un forofo celtiña e contou así ise trance. Unha aperta desde Zaragoza. Un dos meus  xogadores máis queridos nesta campaña era Oubiña. A foto é de Gustavo López].

0 comentarios