Blogia
Antón Castro

CONVERSA CO MEU POBO, LAÑAS, Ó FONDO

CONVERSA CO MEU POBO, LAÑAS, Ó FONDO

" LAÑAS É O MEU PARADISO DA INFANCIA E LÉVOO DENTRO DO CORAZÓN" 

Entrevista co noso viciño Antón Castro, escritor e xornalista lañés que vive en Zaragoza

 Antón Castro (1959), de neno era Toniño, logo pasou a ser Tonio, o fillo de Benito do Touciñeiro, e sempre foi Antonio Rodríguez Castro, como o chamaban tanto don Antonio na escola do pazo de Mosende, como don Xosé Antonio Cabanas na escola de Arteixo. En Lañas aprendeuno case todo: a fumar no penal, a ver cine na televisión de Casa Recouso e a xogar aos vaqueiros co seu curmán Remixio da Portegaza. Autor de máis dunha ducia de libros, vive en Aragón desde hai máis de vinte anos. Conversamos con el.         

--¿Onde naceu exactamente?        
--En Vilarnovo, no que sería o alto de Lañas, nunha casiña que tamén facía de corte para a gando. Da miña nenez alí recordo ben pouco: véxome baixando do berce, só na casa, e metendo a cabeciña pola gateira. Dinme todos que dicía: "Mamá, o neno; mamá, o neno; mamá, o neno".

         --Sempre pensáramos que nacera en Castelo.        
--Non. Pero alí estiven dos dous ata os oito anos. Conservo recordos preciosos dos viciños (os do Mareque, os de Lista, os do Nacho: Xosé, María, Pilar, Pepita, a súa filla; os de Ferreño, os de Carballido, Perfecto do Queixeiro e a súa nai, etc.), dos amores primeiros, do pazo de Viñán, dos xovencas e das vacas do meu pai, que sempre estaba no estranxeiro, da miña nai Carme de Castro, da casa do Tendeiro, con aquel misterioso David e con aquela dona Amalia, que me convidou unha vez a unha cunca de mel. Estaba riquísima. Tamén teño recordos da mestra dona Matilde, que vendía unhas mazás vermellas ben sabrosas. E das partidas da escoba e as sete e media en Casa Pedro, e dos panadeiros do campo, onde a miña nai ía ao xornal ás veces: Agustín, Pepe, o finado Lecho, etc. E da Imprenta da Casilla, e de Añón, amigo de meu irmán Luis. Conservo na cabeza un inventario dos lañeses da miña nenez. Non sei se me cren...         

 

--Home, por suposto. ¿Coñeceu os tempos de fútbol en Lañas?        
--No ano 1968 marchei a Arteixo, e acabei por facerme do Penouqueira, pero a primeira vez que vin fútbol foi en Lañas, desde a Azureira, naqueles partidos heroicos do Peñarol de Dubra, Gorecho, Groufo, Moncho de Pedro (naqueles tempos era o noso Pelé), Paxín ou o grande Boedo, que era un xogador que moito me impresionaba polo seu trallazo. Íntimamente, sempre fun do Peñarol de Lañas. Vin o outro días unhas fotos e emocionáronme. ¡Cántos recordos de súpeto me viñeron á miña choliña!         

--¿Que outros recordos ten de Lañas?        
--A infancia sempre é o paradiso do home, e Lañas é o meu paradiso. Ía ao monte da Choca e das Croas, ao mar de Barrañán, ao Galo, Armentón, Campolongo e Rorís, onde tiña unha curmá cativa a que me gustaba facer rabiar mentres comiamos figos e brevas, sobre todo porque disfrutaba moito máis cando faciamos as paces. Tamén me gusta moito acordarme de El rápido, e de Manolo e de Pepe de Ferrín. E aínda me acordo do enterro de don Avelino, o crego da motoreta de muelles: aquello foi impresionante.         

--Sabemos que tamén era moi amigo das festas e dos bailes.        
--Cando marchei a Arteixo, empecei a vir ás festas a Lañas. Paraba na casa de meu tío abó Daniel e Carmucha de Viñán, que eran dous santos, polo menos comigo, e tamén na casa do meu curmán Enrique en Vilarnovo. En Lañas gustábanme con loucura dúas rapazas do Campo, con unha xogaba a miudo nas leiras do meu abó Xesús, e coa outra bailaba na Portegaza sempre que podía. Como son tan romántico conservo moi boa memoria delas ainda que hai máis de 25 anos que non as vexo. Eran os tempos de El gato que está triste y azul, Aurora Bautista, Camilo Sesto, El vals de las mariposas, etc. Sáibase tamén que fun moi mal bailador e máis ben vergonzoso.         

--¿Non aparece pouco Lañas na súa obra?        
--Eu penso que non. En A lenda da cidade asolagada (Xerais, 1995) sucede por enteiro na miña parroquia, na escola á que fun, na aldea que vivín, e mesmo invento unha cidade mítica, inundada polas augas. E tamén hai relatos de Vida e morte das baleas (Espiral Maior, 1997) que aparecen en Lañas. E mesmo noutro libro, El álbum del solitario (Destino, 1999), a presencia do noso pobo é constante; narro por exemplo a morte e o enterro do meu abó Xesús, tratante de gando en Vilarnovo. Pódolle revelar algo...         

--Diga, diga, que para iso estamos en festas...        
--Cadrando con Día das Letras Galegas de hai poucos anos, en honor de Manuel Murguía, estiven en Arteixo e Lañas. Pola noite, cara ás dúas da mañán, despois de cear, collín e coche e ensineille ao meu amigo Xulio López Valcárcel, grande poeta galego, os lugares da miña vila e da miña vida: Vilarnovo, Castelo, Preguín, Barrañán, Anzobre, Sisalde e Armentón, etc. Se alguén me vise diría que estou tolo. Xa ven que sigo sendo leal á miña terra e ás súas paisaxes.         

--¿Un desexo para os seus paisanos?        
--Quero que teñan unas boas festas con boas orquestas e xogos e algo de cultura, que haxa moita felicidade, a alegría do baile e que Lañas medre, se non en poboación, polo menos en entusiasmo, en solidariedade e en paz. E encantaríame ir a xantar ou a cear algunha vez cos viciños desa boa vila que levo dentro do corazón: Santa Mariña de Lañas.        

 *Entrevista que se publicou no programa de festas do meu pobo  en Galicia: Santa Mariña de Lañas, no concello de Arteixo.

4 comentarios

Antonio José Queijeiro -

Estaba buscando na internet resultados de Lañas e metinme de cheo no relato de infancia da entrevista.
O meu pai, José Queijeiro (Pepe) sempre transmitiume o seu amor por Lañas e o seu orgullo de nacer aí. unha boa parte dos meus mellores recordos están unidos a ela.
Che felicito polo teu blog e ao entrevistado por compartir as súas saudades, agradecendolle tamén a mención ao meu xenial tío Perfecto e á miña querida avoa Gumersinda (Sinda para todos)

Pedro do Listero -

Antón, lembraste de "Las mujeres del cuadro", pois este ano a comisión homenaxeou a D. Antonio, xa finado, e Dna. Clara e veu dar o pregón das festas Rosario. A ver cando che volvemos a ver o pelo por Lañas. Saudos e unha aperta de túa curmán Miluca,a miña dona.

Antón -

Gracias, Luisa, por tus visitas y tu cariño constante. No tengo nostalgia. Fue asi. Ya nunca volveré a esa época, pero tampoco me puedo desprender de ella. Un beso. AC

Luisa -

Qué cosas tan bonitas cuentas. Alguna se me ha escapado un poco, pero creo que me he enterado bastante bien. Así que bailabas el gato que está triste y azul y a Camilo Sesto.... y lo de la cabecita por la gatera... ay, cuanta nostalgia, qué bonito, qué bonito

Besos