BLANCO VALDÉS E O SEU 'FRAGMENTOS DA GALAXIA'
O amigo Manuel Pereira recoméndame o blog de Juan L. Blanco Valdés Fragmentos da galaxia. Repaso o arquivo e gústame moito esta nota sobre a música británica e en particular sobre Jethro Tull, unha banda que coñecín en Zaragoza no ano 1978. Gustoume moito o seu álbum Minstrel in the gallery.
ANDERSON+BARRE
Por Juan L. BLANCO VALDÉS
Ninguén discute hoxe o liderado que o rock británico ten exercido internacionalmente. Nos corenta anos que median entre os Beatles e Coldplay houbo de todo: desenvolvementos e propostas para todos os gustos, unhas máis convencionais outras máis rompedoras e outras que a duras penas encaixan nos intentos clasificatorios: pop, mod, rock duro, metálico, heavy, folkrock, jazzrock, rock progresivo, new wave, gothic... A miña melomanía -en calquera caso voraz, indiscriminada e que non sabe de límites- talvez por xeración pero supoño que tamén por inclinación persoal, ten unha débeda especial co rock sinfónico.
Non son poeta de abondo para gabar a excelsitude de producións como o Hamburger Concerto, de Focus, sen dúbida un dos cumios máis sublimes do xénero, Trilogy de EL&P ou Fragile de Yes. Coa perspectiva do tempo, teño para min que, con diferenzas claro entre elas, a maior parte das propostas xurdidas daqueles músicos, virtuosos e clasicistas, cultos e extravagantes, sabiamente rompedores, teñen resistido admirablemente o paso do tempo. The Great Deceiver de King Crimson, The Endless Enigma de EL&P ou algún dos números do álbum dobre de Camel, por poñer un par de tres exemplos, seguen mantendo intacto o fascinante engado que exerceron na miña sensibilidade de adolescente cando os escoitei por vez primeira. Pero a poucas formacións británicas da época atribúo con todo merecemento un adxectivo que, cando aplicado ás obras da arte, resulta moi arriscado, pois pode destilar a máis exquisita sublimidade ou ser explicación do fiasco: desconcertante. Esa formación desconcertante é Jethro Tull, o grupo, liderado polo inclasificable Ian Anderson, que ía nos seus inicios (This Was, 1968, xoia que posúo en vinilo orixinal) para banda de blues. Ningún grupo do que eu teña noticia efectuou un labor de síntese musical comparable (folk, blues, jazz, rock experimental...) destilándoo nun novo produto orixinalísimo e elaborado ata o puntillismo. Na flauta e voz do hiperactivo xoglar Anderson e nas máxicas guitarras de Martin Barre están entrelazadas as melodías das campiñas e bosques, o rechouchío dos paxaros no amencer do cazador, os berros de riña das tabernas medievais, a resoancia das catedrais, os alaridos ingratos do vagamundo e o tépedo veludo da voz do amante.
Cando, con doce ou trece anos, escoitei por vez primeira Aqualung, mentres me deixaba engaiolar polo soprendente deseño externo do álbum e escudriñaba a insondable expresión de maldade do clochard da cuberta, tiven a sensación de que, como dixeron a Bogart, aquilo ía ser o comezo dunha gran amizade. Estaba no certo.
2 comentarios
Juan L. Blanco Valdés -
Angéline -