O CREADOR NO SEU OBRADOIRO: PACO PESTANA
Hoxe, na edición galega de ‘El País’, Xoán Abeleira inicia unha interesante serie sobre os creadores no seu taller. Mándame o texto completo sobre ese grande artista que é Paco Pestana. A foto é de Xosé Marra.
O CREADOR NO SEU OBRADOIRO
PACO PESTANA: O CAZADOR DE SOMBRAS
Xoán Abeleira
De raparigo, en Peredo, parroquia da Frairía, Paco Pestana endexamais saía da casa sen unha aguillada de abeleira. “Coma os zahorís que embalsaman pozos coas súas mans, agochando das fontes o seu rumor”. Alí, entre os penedos da montaña, “a miña mai aprendeume o xeito de tratar coas cobras. Cando batía cunha, tocáballe a cabeza coa galla, e a becha ficaba paralizada un intre. Asegúrocho! Non sei qué carallo terá esa arbore mais o certo é que funciona.” O seu outro pasatempo preferido era cazar mouchos. E dos mouchos -cousa lóxica- pasou ás tebras. “Deume por persegui-la miña sombra, si, pero endexamais a apresaba! Supoño que por iso, co tempo, devín neste cazador de sombras…”
Entrar no seu obradoiro de Lugo é coma entrar nunha mina. E velaí están agora: tódalas serpes, tódalas estantigas, tódalas criaturas fabulosas que, ó longo de tres décadas, Pestana enfeitizou. Aparentemente inmóbiles, si. Mais abonda con aloumiñalas un nada para que te chimpen ó cerebro ou te papen o corazón.
No noso refraneiro, “quita-la cobra da silveira coa man doutro” é sinónimo de “guinda-la pedra e agocha-la man”. Pero Pestana non é deses. Dende os días nos que, en efecto, traballou nunha mina; dende os meses nos que participou na Revolución dos Caraveis; dende aquel ano no que formou “unha comuna libertaria na época de Arias Navarro”, Pestana é o que é: “un francotirador” ben franco, cuxa mor aspiración “é sentirme unha boa persoa”. Alguén “que camiña coas pantasmas”. Un energúmeno no senso bíblico. “Un animal, unha besta sen aparellar: calquera cousa” agás un tipo falso. Ollo prá súa traza de forzudo de circo, de cosaco, de xogador de rugby, e imaxínoo traballando co machado ou a motoserra su un cachón de estelas incendiarias. Lembro algúns dos xigantes do XX: Brancusi, Maiakovski, Pollock, Char. Penso nos superrealistas, capaces de loitar a puñazos pola honra de Lautréamont.
A filiación de Pestana coas vangardas é obvia aínda que el se nega a falar de mestres ou influenzas. “En todo caso, de actitudes.” Para el, toda cousa e ser vivinte, toda manifestación da enerxía construtora e destrutora do cosmos é única. Poderiamos dicir, si, que as súas obras nos atraen coma os ídolos precolombianos, os poemas-obxectos de Duchamp ou as pezas de Niki de Saint Phalle. Mais de qué serviría iso? “De nada”, ten razón. O fundamental é abrirse en canal ante a Beleza e deixar que nos abrase. Por iso el mesmo rexeita definirse. “Porque evito calquera clasificación”. Coma moito, ó referirse a alguén co cal se identifica dalgún xeito sempre di: “Éche un puto apache!” Ou sexa: un salvaxe. Un guímaro. Un outsider. Todo o que el é.
Hai moitos Paco Pestana dentro de Paco Pestana, abofé. O Pestana labrego. O Pestana leñador. O Pestana filósofo. O Pestana performer. O Pestana artista. Mais todos son o Pestana poeta. A Poesía: o milagre “pró que sempre me preparei; mais en min bulían tantas cousas que, ó final, a literatura quedóuseme pequena”. A Poesía: “a mestura do insólito, das percepcións de carácter case paranormal coa propia biografía; trastorna-lo cotián para acada-lo extraordinario.”
Cruza-lo limiar do seu universo é máis ben como se internar nunha cova prehistórica. Se os xamáns do paleolítico recibían as súas visións no fondo das espenucas, Pestana, coma todo Rimbaud que ve, esculca as mensaxes que lle envía o inconsciente: o propio e o colectivo. Nese senso é un xamán. E todos eses espíritos que pacen no seu estudo son, nese senso, os seus animais de poder. Non as súas creacións, non: os seus aliados. Os tótems que achou nas súas viaxes do Aquén ó Alén.
“A arte ha de ser coma un animal”, afirmou xa Aristóteles. E o poeta -engadiu Hughes- anda á caza dos seus poemas-animais. Os territorios de Paco Pestana son dous: un interior e outro exterior. E o primeiro non pode enxergarse sen o segundo. Daquela, ó serán, o condutor de ánimas lévame ó seu concello. O San Cristovo transgresor “e outros raros coma min” formaron unha asociación para defenderen o patrimonio da zona. Cabo duns sartegos prerromanos constato o que el ignora: que a cabeza destes apunta ó oeste, os pés, ó leste, para que así os mortos fiten cada día o sol nacente, símbolo do renacemento. Logo, en Vilabade, na igrexa que hai “a carón do pazo do derradeiro vicerrei de México”, o escultor sinálame “uns anxos decapitados polo Tempo” ou por algún deses “reumáticos cerebrais” que, segundo el, “aínda teñen os miolos sen rozar”. Todo está preto da casa paterna onde el traballa ó ventimperio cando non o fai no obradoiro da cidade. Os seus materiais son “tódolos que me engaiolan”. As súas ferramentas, “tódalas que se adapten á miña man e á miña cabeza”: un ollo de furacán.
Percorrendo un deses carreiros nosos, incribles de tan fermosos, chegamos á capela de Soutomerille. A porta está forzada. Dentro, dous sartegos co escudo de Castroverde; restos de frescos; a cara dun Cristo naif; unha pía bautismal na que aniñan as loairas; mandalas de humidade. Fóra, “unha fiestra única na Península”, un catavís lambido polo sol. Secasí, o que Pestana quere amosarme “de verdade é un castiñeiro milenario”, o que realmente o conmove dese espazo druídico. “Fíxate: esta árbore leva tantísimo enraizada na terra que, máis que de madeira, parece feita de trollo.” Certo. Da metade para fóra, o cerne medrou dun xeito descomunal, conformando o animal tricéfalo que xa se adiviña nel, coma modelado en arxila. “Velaí tes xa a túa vindeira peza”, digo eu. E el, esmendrellado, dándome unha desas palmadas súas de fortachón bonachón, arrebólalle ás nubes: “Este castiñeiro… éche un puto apache!”
2 comentarios
Carlos Miragaya -
xiao -