PEPE GALÁN, VISTO POR XOÁN ABELEIRA
O CREADOR NO SEU OBRADOIRO
PEPE GALÁN: O FERRO REFRACTARIO
O escultor coruñés expón os seus últimos achados na Galería Atlántica
Xoán Abeleira
“Óe! -berroulle unha mañá un costaleiro a outro que aínda durmía-, sei dun que, por ben madrugar, atopou un costal!” “Xa! -retrucoulle o outro-, pero qué me dis do que o perdeu por se erguer tan cedo?” Pepe Galán foi un artista madrugador, un creador pioneiro, e, dende os anos setenta, non para de atopar costais. Os primeiros tiñan forma de cadros pois a pintura foi a fariña coa que empezou a enfornar. Pero, a partir dos anos oitenta, os cadros levedaron ata deviren nas esculturas que hoxe poboan o seu obradoiro. Da pintura á escultura. Da figuración á abstracción. Pepe Galán, no seu casco de cortén, sempre a navegar.
Abonda con cruzar ese limiar do Monte Alto coruñés para decatarse de que Galán é un loitador preocupado polo seu país, comprometido coa súa xente. Un deses “refractarios” que, consonte René Char, se negan a aceptar o prato de bazofia que lles serve a Desesperanza. As paredes do seu taller -case que de mecánico- están cubertas de carteis, recortes, fotografías, lembranzas de toda caste sobre os combates civís acontecidos na Galicia no que vai de século. Penduradas dun muro, escintilan as datas dos naufraxios de petroleiros habidos dende o 1961 ata o 2002, crise do Prestige. As mesmas que pasaron do xiz ó ferro, do ladrillo ó vidro dunha das súas últimas pezas: Mayday 03.
Ese grito, Mayday, é o título da exposición que dende o día 26 deste mes ocupa a Galería Atlántica d’A Coruña. Mayday, “día de maio”, en inglés, aínda que, en realidade, o código de emerxencia empregado na aviación e na navegación procede da expresión francesa “venez m’aider”, “veñan -ou vide- axudarme”. O tema é claro. Pero, por se non, Galán emite dende as súas pezas outros sinais parellos, en galego ou en morse. Pan-Pan, Pan-Pan, Pan-Pan. Di di di, da da da, da da da, di di di. Coma o, xa célebre, poema de Manuel Rivas: SOS, Socorro, Que afundimos! Nós sós!
O propio obradoiro semella arestora unha paisaxe despois do(s) desastre(s). Pezas pequenas e xigantescas abrollan por todas partes. “Os fitos -di Galán- do meu mapa mental”. Pois “esta é unha exposición sobre o noso territorio e a nosa memoria colectiva”. Unha fraga na que as árbores teñen traza de interrogacións. Un mar nas que as boias tanxen preguntas. “Basicamente, as obras que fago son un xeito de cuestionarme, de matinar sobre o que pasa, de entender o presente para albiscar o futuro. Se é que temos algún!” Xa que o presente só se enxerga analizando o pasado. Os por qué do pasado.
A circunferencia é o símbolo que articula Mayday. O círculo e o seu baleiro, “que para min representa non só a natureza, a unión dos puntos ou a bóveda celeste senón tamén o mar, o feito de mergullarse, con todo o que iso implica”. O círculo, o ferro. O mar -non baleiro senón cheo de mortos e de chapapote-, o cristal. Os para-brisas reciclados dos coches, “ós que cheguei a partir dos soportes de plástico que empreguei para realizar a serie pictórico-escultórica de Fendas e áncoras no vento”. A abstracción conceptual, tan característica deste creador que rexeita “dar as cousas mascadas ó público”, ó espectador activo, dialogante que el arela, “é menos hermética, se cadra, que noutros traballos meus, grazas, en parte, as letras integradas nas pezas”. NW: a sombra das siglas do noroeste -que suxeitan, a modo de patas, un destes cilindros mensaxeiros- deveñen en NM, en alusión “talvez -subliña o escultor- ó movemento de Nunca Máis”. Outra das súas “invitacións á reflexión, que non homenaxes” formula a cuestión Man, o radical de Camelle. Outra, “saúde e terra”, a da República. Outra, a que di “Bahía”, pregúntanos por qué continúan a morrer tantos mariñeiros faenando. Outra fálanos “da emigración actual, non da da posguerra; desta crise, a todos os niveis, que estamos a vivir”. Outra, “unha peza honorífica”, foi creada ex profeso para a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica d’A Coruña, “igual cá escultura dos Mortos do Portiño”.
A min, secasí, a que máis me impresiona é unha desas “columnas infindas”, tipo Brancusi, dentro da cal penduran varios parabrisas coma porcos abertos após a matanza. Galán, abofé, fuxe de explicarme ese conxunto de imaxes tan poderosas e desalentadoras asemade, Mayday 04. Mais, á vista das sílabas que compoñen o seu brúo de alarma, eu dou en coidar na conciencia escachada dun pobo, o noso, que xa non se estima, que xa non se valora, que xa non se respecta a si mesmo.
*A foto de Pepe Galán é de Gabriel Tizón. Xan Abeleira, amorosiño, di: "lémbrate, lémbrate de poñer o seu nome". Aquí está.
0 comentarios