Blogia
Antón Castro

UN DEBUXO DE SYLVIA PLATH. Por XOÁN ABELEIRA

UN DEBUXO DE SYLVIA PLATH. Por XOÁN ABELEIRA

[Dentro da súa sección ASIEU de La Opinión de A Coruña, o poeta e traductor Xoán Abeleira publica hoxe este artigo sobre Sylvia Plath, a súa estadía en España, as claves da súa lírica e a súa vocación pictórica. E ademais, adéntrase en complexos buratos biográficos. O texto levaba este fermoso debuxo que se titula, nada menos, “A serea e a lúa”. Xa sei que teño falado moito aquí de Sylvia Plath, falado e recollido textos e notas, pero para un namorado das sereas como son eu non podía deixar pasar a oportunidade. Cantimais, encántame que apareza a lingua galega neste blog. O texto, insisto, pertence ó poeta Xoán Abeleira, que anunciou o outro día que vai tomar uns meses de acougo para centrarse na súa propria obra literaria.]

 

UN DEBUXO DE SIVVY

 

Ise, “Sivvy”, era o diminutivo agarimoso co que Sylvia Plath, a inmensa e intensa escritora estadounidense, era coñecida na casa. Hoxe, 27 de outubro, é o seu aniversario: o día do nacemento dunha muller que non cesa de revivir. Plath era moi dada ó esoterismo. Morreu un luns, coma hoxe, con pouco máis de trinta anos. Por iso, coincidindo coa chegada ás librarías da súa Poesía Completa, e coa aparición en galego doutra pequena escolma que realicei prá Revista das Letras do xornal Galicia Hoxe, iste xoves, día 30, ás 8 da noite, renderémoslle homenaxe no auditorio da Fundación Caixa Galicia. Unha homenaxe á que, por suposto, están todas e todos vostedes invitados.

         Sylvia Plath tamén amaba a pintura –e, en especial, a superrealista–. Escribiu varios textos inspirados en Matisse, en Klee, en de Chirico... Ela mesma quixo ser pintora. E podía telo sido, de non se inclinar preferentemente pola escrita da prosa e da poesía. Aínda así, continuou debuxando dun xeito intermitente. En España, Benidorm, onde pasou a súa lúa de mel co poeta Ted Hughes, realizou un moi bo retrato diste e captou varias escenas da vila que despois publicaría a xeito de ilustracións dalgún que outro artigo xornalístico. Todo ise material, toda a súa obra visual (dende as cartas e postais que enviou cando meniña ata os gravados e os escasos óleos que chegou a rematar) aparece recollida en Eye Rhymes (Rimas do Ollo: Rimas Visuais), un fermosísimo catálogo editado por Kathleen Connors e Sally Bayley, e que pode mercarse por Internet.

         O debuxo que hoxe publicamos aquí é completamente inédito en España e en Galicia. Plath realizouno ós trece anos, e titulouno “A serea e a lúa” –dúas figuras claves do seu universo mítico e simbólico–. Sivvy naceu en Winthrop, unha vila ribeirá da Baía de Boston. En 1942, logo da morte do seu marido, o profesor Otto Plath, Aurelia Schober trasladouse canda os seus fillos a Wellesley, un rueiro do interior. Prá súa filla de nove anos, aquil pasamento, aquela mudanza supuxeron unha tremenda fractura emocional da que endexamais se recuperaría de todo, quedando vencelladas na súa memoria a perda do seu proxenitor e a perda do mar: o exilio desa “verdadeira patria” que, consonte Rilke, entraña a saída da nenez. A partir de entón, Plath deixou de se sentir Unha coa natureza, e a vida deveu pra ela nunha falla vertixinosa, nunha proba iniciática que había de superar. Por iso resulta tan sintomático que fose entón, en medio daquela creba, cando empezou a escribir: a iniciar ise “proceso de curación” no que, segundo Ted Hughes, consiste esencialmente a súa obra.

         Lembrando aquil momento tan doloroso pra ela, a poeta escribiu: “E foi así como a miña visión daquela nenez á beira do mar se petrificou. O meu pai finou, nós mudámonos ó interior, e aquiles nove primeiros anos da miña vida se pecharon en si mesmos coma un barco nunha botella: fermoso, inaccesible, obsoleto; un fino e branco mito voador.”

         Ben lonxe da imaxe manipulada que prevaleceu ata arestora (a dunha “histérica”, “neurótica”, “psicótica” ou “tola”, sen máis: unha “enferma” condenada dende a infancia a “desexar suicidarse”), Plath, como demostra esta cita, foi sempre consciente do seu “trauma” e de tódalas proxeccións que iste lle provocaba, incluída a de ver nos homes o retrato idealizado do seu pai. E, abofé, loitou arreo con toda a súa mente, con todo o seu corazón, por vencer a ise espectro hamletiano que ela ollou ás veces coma unha sorte de Neptuno (o Rei do Mar), outras coma un enorme “Coloso”, outras coma “o Home de Negro” e, finalmente, coma un “nazi” e un “vampiro” que a súa “vítima”, ela, precisaba liquidar.

         Os seus debuxos e os seus cadros fálannos dise proceso case tan claramente coma os seus poemas. Niste, “A serea e a lúa”, vémola trocada, quizais, n’A sereíña de Andersen. Isto é: nun ser metade terrestre e metade mariño; nunha rapaza física e psicoloxicamente escindida que tenta, desesperadamente, acadar ise ideal simbolizado pola estrela dourada, baixo a fría, escrutadora ollada da bald moon (“a miña mai”). Ise ideal que, pouco antes de morrer, coidou alcanzar (“unha casa, un marido, uns fillos” e, por riba de todo, unha carreira, un traballo, unha meta á que ben poucas mulleres chegaban nos anos cincuenta) esborrallouse no verán de 1962: o día en que descubriu que o home que amaba (o “príncipe” simbolizado no debuxo por un castelo, o “deus” e a “fe” representadas polas dúas cruces das torres) enganáraa con outra. Aquela falla da nenez volveu abrirse. Voltou, remexendo sobre ela os nuboeiros dos ciumes, o “Paxaro Pánico”. Sivvy sentiuse de novo abandonada, traizoada. E, coma na infancia, dúas forzas contrarias turraron dela ata tronzala: a arela de morrer e arela de sobrevivir. Nun principio, primou o pulo vital, transformado en carraxe: Plath liberou toda a rabia contida dende cativa, tentando “asasinar” dentro de si ise pai, esa mai e ise marido que, con razón ou sen ela, agora vía coma pexas no camiño da súa Liberación. De aí poemas coma “Papi”, coma “Medusa”, coma “Purdah” ou coma a extraordinaria “serie das abellas”. De aí o libro todo de Ariel: a mostra palpable de que, unha vez máis, “Dona Lázaro” deu en renacer.

         Daquela –preguntámonos todos os que a admiramos–, por qué se suicidou Plath? Por qué chegou mesmo, nalgún intre, a maxinar a morte da súa filla e do seu fillo, ós que adoraba, como fixo Medea e faría Assia Gutman, “a outra” muller, o seu “dobre”, a súa “rival”? Ninguén o sabe. Ninguén pode sabelo. É imposible explicar, e moito menos xulgar, o pasamento de calquera ser humano que pon fin ós seus días, pois quén desexa realmente morrer cando se mata? Quén non devece por vivir plenamente e ser feliz? En xeral, todos somos escravos da nosa mente, dos nosos pensamentos, das nosas –erróneas, subxectivas– percepcións, das nosas sensacións e reaccións... Máxime cando estamos afundidos. Sylvia Plath houbo de sufrir enormemente pra chegar a asfixiarse con gas (“igual ca unha xudía”). Sabemos, iso si, que durante os últimos meses, todo se puxo en contra súa: o desamor, a soidade, o baleiro, un frío desolador, a carencia de auga e de luz, o non xantar, o non durmir...

O luns 11 de febreiro de 1963, Victoria Lucas, a suposta autora d’A campá de cristal, era una muller esgotada e desesperanzada a feito: pouco antes Ted Hughes lle confesara que Assia Gutman viña de empreñar, e, que nesas circunstancias, era imposible que il volvese con ela. Aquela noite tan xeada, queréndoo ou sen querelo, finou a pequena Sivvy que tantas veces voltara á vida. Aquil día tan aciago morreu o ideal, finou a estrela dourada daquela sereíña de trece anos, e, asemade, naceu imparable o mito dunha escritora xenial que, con a penas trinta anos, nos deixou esta pedra volcánica que, agora, ó fin late nas nosas maos.  

 

0 comentarios