Blogia
Antón Castro

RAMIRO FONTE: TRES POEMAS

RAMIRO FONTE: TRES POEMAS

 VITA NUOVA

 

-páxina de diario-

 

Deixar que o solpor morra co seu ritmo

de imposible navío ou de rapaza

e descifre o remate da novela.

 

Beber na noite os seus licores lenes

e brindar cos amigos nesa copa

escura que nos ata á mesma causa.

 

Escribir algún verso que a fortuna me dicte

e nalguna hora acaso como esta,

mollada na lembranza, perseguir

sen pintalos nos lenzos,

certos corpos amados.

 

 

PERSÉGUENOS A MÁSCARA BALEIRA,

O símbolo, columna que se ergue

Como de nós ó deus, ó seu dominio

Quen nos refai no espello vai negando

Cidades ou xardíns, praias ou azas.

Nós conquerimos sedes ou esteiros,

Algún lugar incerto na memoria

No que a chorar estamos longamente,

Facedores de lumes, condeados

A poñer nome ás cousas e deixalas

Neutros ríos do tempo máis inmensas.

Xa sabedor de illas tan feridas

Ó recibi-los ventos na fronteira

Has te-la fronte clara, os ollos grandes.

 

*Dous poemas de As cidades da nada (Colección Esquío). O texto leva a traducción ó castelán de Luis Rodríguez Andrade e Carlos Oroza.

 

UNHA PARELLA DE NAMORADOS

 

Muller non para amar, mais para a morte;

Palidamente enfermos, desta luz de novembro, recibida

Á beira da lagoa, que é fermosa

No declinar da tarde.

Non para o amor, muller, para este rito

Amargue e ledo a un tempo, ceremonia

De bebermos do Hades, ámbolos dous soñando.

Eu son Von Kleist, poeta que dirán

Romántico e prusiano.

E tamén que eran os meus adaxios de Berlín,

Non houbo ser outro que ousara estar comigo

E certa será ela como a sombra das faias.

Non para dar desposta

O clamor do degaro estamos xuntos;

Xa non para sentímo-la sustancia do inverno

Nos nosos corazóns.

E nin sequera, acaso, para outorgar tristura.

 

**De Pensar na tempestade (Sotelo Blanco. Colección Leliadoura, 1986). Prólogo de Arcadio López-Casanova.

***La ilustración corresponde a la fotógrafa sueca Asa Sjöstrom.

0 comentarios