'O PARAUGAS' DE XOÁN ABELEIRA
O PARAUGAS
Xoán ABELEIRA
Babuñaba. No medio desa mera-mexadeira propia dalgunhas mañás do outono coruñés. Il levaba aberto o paraugas vermello e negro, con choliña de parrulo, a xeito de mango, que mandara facer ex profeso nalgures… Catro Camiños, nunha tenda que xa pechara. De feito, viña lembrando cómo, unha media hora antes, en chegando á Rúa Nova, Paulino exclamara: “Qué bo, iste paraugas!”. “Si”, retrucara il, “éche grande dabondo… pensado xustamente pra cubrir unha parella”.
Serían xa… contra as dúas? Ó cruzar a Praza da Leña oíu unha voz lene: “Perdoa, tes lume?” Il asentiu coa cabeza, sen levantar a ollada, coidando como ía tan só en chegar á casa, paparse outra pastilla e meterse na cama axiña, a fin de matar, tamén ise serán, outra parte do día. Sacou un dos tres chisqueiros que sempre carrexaba no peto do abrigo e decatouse, iso si, de que a chama era mínima, apenas quedaba gas… cando ocorreu aquilo. A muller debeu de fixarse nise anel de prata, adobiado cunha runa, que il aínda lucía no dedo medianiño mentres notaba… aquilo. Novamente aquilo: un arrepío que o estarreceu ó longo do espiñazo, ó notar o contacto dela, mentres esta lle acubillaba con dozura a mao, conformando unha paréntese, se cadra unha buguina, outra clase de paraugas, nas súas.
O xesto, abofé, non tiña a menor importancia, ninguén o apreciaría. Pero il… Aquela era a primeira vez en… cánto, cánto tempo?... catro, cinco anos que alguén… non xa unha muller senón alguén, unha persoa lle acariñaba a mao.
*NOTA DO AUTOR: Este texto apareceu onte ‘El País’, na sección "Inéditos con firma", suplemento Luzes, El País, 22 de xaneiro do 2010. A versión publicada aquí -a orixinal, en realidade- é, xa que logo, distinta da que apareceu no xornal. (A foto é do norteamericano Gjon Mili).
1 comentario
Xoán Abeleira -
Babuñar: chuviscar (lloviznar).
Mera-mexadeira: niebla meona, calabobos.
Dabondo: bastante.
Acubillar: guarecer.
Unha aperta dende A FIN DA TERRA!